A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, M. Allegue presidiu hoxe, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, a reunión do Observatorio da Vivenda de Galicia
A Xunta avanza no II Pacto de vivenda de Galicia 2026-2030 para reforzar e renovar o compromiso coas políticas reais e efectivas, tras executar o 98% das medidas e preto de 365 M€ do plan anterior
Allegue destaca o obxectivo da Xunta de impulsar un novo instrumento de planificación integral, que reforzará as actuacións máis efectivas do período anterior e incorpora novas medidas adaptadas á realidade actual do mercado residencial
Avanza que o II Pacto estrutúrase en catro liñas estratéxicas (Acceso á vivenda, rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas, solo residencial e outras medidas en materia de vivenda) e un anexo dunha clara aposta pola creación de vivenda protexida, a rehabilitación e o apoio aos colectivos con maiores dificultades de acceso, especialmente a mocidade
Explica que o novo documento incorporará medidas valentes para incentivar ao sector na construción de vivenda protexida, simplificar trámites administrativos, mobilizar vivenda baleira e reforzar a cooperación institucional
Incide na vocación de afondar un modelo residencial sostible, inclusivo e equilibrado, que contribúa ao asentamento poboacional, á cohesión territorial e á mellora da calidade de vida da cidadanía galega. Trátase de consolidar Galicia como referente das políticas públicas en materia de vivenda, “seguindo a nosa estela de Galicia Calidade”
- Compartir
Santiago de Compostela 7 de novembro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, presidiu hoxe a reunión do Observatorio Galego da Vivenda, onde avanzou a renovación do compromiso da Xunta co acceso á vivenda a través do II Pacto de Vivenda de Galicia 2026-2030, que dará continuidade ao labor iniciado co primeiro pacto asinado en 2021.
Nesta reunión, tamén interveu o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, participaron representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), das entidades colexiais de arquitectos, arquitectos técnicos, administradores de fincas e de axentes da propiedade inmobiliaria; así como representantes das federación de promotores de Galicia, e da Federación Galega da Construción. Ademais tamén asistiron representantes da Unión Galega de Cooperativas de Vivendas, e da Unión de Consumidores de Galicia.
A conselleira lembrou que o Pacto de Vivenda 2021-2025, a piques de rematar, foi un marco de actuación pioneiro baseado no consenso, a colaboración e o acordo entre todos os axentes implicados: administración autonómica, FEGAMP, representantes do sector da edificación, consumidores, usuarios e profesionais da intermediación inmobiliaria. “Hoxe a principal preocupación da cidadanía é acceder a unha vivenda digna e a un prezo asumible. Por iso, é máis necesario ca nunca reforzar a colaboración e renovar o compromiso con políticas reais e efectivas”, subliñou Martínez Allegue.
O balance do primeiro pacto avala a eficacia deste modelo de cooperación: cun nivel de execución global do 97,7 %, preto de 365M€ en axudas concedidas, máis de 30.000 vivendas beneficiadas mediante programas de acceso, alugueiro e rehabilitación. A isto súmase a rehabilitación de 42.000 vivendas e desenvolvemento de solo para máis de 15.000 novas vivendas.
A conselleira destacou tamén que, en só ano e medio de lexislatura, a Xunta foi quen de poñer en marcha 3.000 novas vivendas de promoción pública, en parte grazas aos acordos de colaboración cos concellos, que permitiron dispoñer de máis solo urbano.
Sobre estas bases, de colaboración, acordo e consenso, a Xunta impulsará un novo instrumento de planificación integral, que reforza as actuacións máis efectivas do período anterior e incorpora novas medidas adaptadas á realidade actual do mercado residencial
Así, tal e como avanzou a conselleira, o II Pacto de Vivenda de Galicia 2026-2030 estrutúrase en catro liñas estratéxicas (Acceso á vivenda, rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas, solo residencial e outras medidas en materia de vivenda e rehabilitación), e un anexo dedicado á vivenda xuvenil, cunha clara aposta pola creación de vivenda protexida, a rehabilitación e o apoio aos colectivos con maiores dificultades de acceso, especialmente a mocidade.
Martínez Allegue explicou que o novo documento incorporará medidas valentes para incentivar ao sector na construción de vivenda protexida, simplificar trámites administrativos, mobilizar vivenda baleira e reforzar a cooperación institucional.
O II pacto, subliñou, nace coa vocación de afondar un modelo residencial sostible, inclusivo e equilibrado, que contribúa ao asentamento poboacional, á cohesión territorial e á mellora da calidade de vida da cidadanía galega. Trátase de consolidar Galicia como referente das políticas públicas en materia de vivenda, “seguindo a nosa estela de Galicia Calidade”, concluíu a conselleira.
A xuntanza serviu tamén para que o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo explicase os orzamentos para o próximo ano 2026, así como as medidas en materia de vivenda incluídas na lei de medidas dos orzamentos.
Tanto o orzamento como as medidas establecida na lei permitirán avanzar na consecución dos obxectivos fixados para os próximos anos, entre os que destacan duplicar o parque público de vivendas, con 4.000 vivendas máis, e desenvolver solo urbanizado para a construción de 25.000 novas vivendas, das que 20.000 serán protexidas.