O Consorcio Casco Vello de Vigo adxudica catro novas vivendas públicas tras aprobar o seu plan de actuación para rehabilitar outros 25 edificios
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presidiu este luns o sorteo de asignación das novas viviendas de promoción autonómica
- Compartir
Vigo, 13 de outubro de 2025
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello (CCVV), Ana Ortiz, presidiu este luns o sorteo ante notario das últimas catro vivendas rehabilitadas no barrio histórico vigués. O proceso foi público e permitiu adxudicar os novos pisos das promocións de Ribeira do Berbés 39-San Francisco 2 e San Sebastián 20–Hortas 2/4.
A representante autonómica agradeceu o traballo levado a cabo tanto desde o Consorcio Casco Vello como desde o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para poñer a disposición da cidadanía novos domicilios de promoción pública. Segundo explicou, finalmente foron 278 os candidatos que presentaron a súa solicitude para acceder ás vivendas promovidas polo CCVV.
O sorteo para a adxudicación da orde de selección das candidaturas admitidas tivo carácter público e levouse a cabo na sede administrativa da Xunta de Galicia en Vigo. O CCVV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo, puxo así a disposición dos vigueses estas catro catro vivendas no barrio histórico. O sorteo foi emitido en streaming polo organismo e a listaxe cos gañadores e suplentes tamén estará a disposición pública.
Ribeira do Berbés 39-San Francisco 2 (2 vivendas)
- Vivenda Ribeira do Berbés: 98.62 m2, 197.460€
- Vivenda San Francisco: 106.03 m2, 233.616€
San Sebastián 20-Hortas 2/4 (2 vivendas)
- Vivenda San Sebastián: 119.42 m2, 263.119€
- Vivenda Hortas: 110.71 m2, 243.928€
Plan de Actuación 2026/2030
A representante autonómica lembrou que a semana pasada o CCVV aprobou tanto o seu Plan de Actuación 2026-20230 como o convenio entre administracións e o Plan de Actuacións, Investimentos e Financiamento (PAIF) 2026.
O Plan de Actuación aprobado por unanimidade marca as pautas de rehabilitación que levará a cabo o organismo durante o vindeiro lustro. Así, un total de 25 inmobles son cualificados como obxectivo de actuación prioritaria e outros 20 edificios máis integran unha listaxe de actuación secundaria para dotar ao plan de flexibilidade. Ademais, o plan contará cun investimento dun total de 15,1 millóns de euros, que será financiado mediante ingresos por venda de inmobles, transferencias de capital dos entes consorciados e ingresos correntes.