A Xunta adxudica a redacción dos proxectos de interese autonómico para desenvolver solo para construír case 1.800 vivendas en Vigo e Vilagarcía
As firmas adxudicatarias elaborarán a redacción do PIA, do proxecto de expropiación e de parcelamento para a obtención de 20,1 hectáreas de solo en Vigo e Vilagarcía, destinado maioritariamente á construción de vivendas protexidas
En Vigo desenvolverase o ámbito de Cantabria-Ramón Nieto-Santa Cristina, de 13,9 ha, onde se poderán construír ao redor de 1.400 vivendas
En Vilagarcía, o ámbito a desenvolver é o comprendido entre a avenida Carolinas e as rúas Coca e Arealonga, de 6,2 ha, onde se estima que se poderán construír 350 vivendas
Os contratos enmárcanse na Estratexia Galega de Solo Residencial que ten en marcha a Xunta para desenvolver solo no que facilitar a construción de 25.000 vivendas en Galicia, 20.000 protexidas e 5.000 libres
- Compartir
Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2025
A Xunta acaba de adxudicar os traballos de redacción do Proxecto de Interese Autonómico (PIA), do proxecto de expropiación e de parcelamento para a obtención de 20,1 hectáreas de solo nos concellos de Vigo e Vilagarcía de Arousa, onde se estima que poderán construírse preto de 1.800 vivendas.
No caso do municipio de Vigo, trátase do ámbito do SUB 403 comprendido entre as rúas Cantabria, Ramón Nieto e Santa Cristina, de un total de 13,9 hectáreas. Nesta contorna a previsión é de construír en torno a 1.400 vivendas e o contrato para a elaboración do PIA foi adxudicado á firma Proyfe S.L. por 261.360€.
O ámbito escollido en Vilagarcía foi comprendido entre a avenida das Carolinas e as rúas Coca e Arealonga, de 6,2 hectáreas, cunha estimación de 350 fogares. O contrato adxudicouse á Antea Iberolatam S.L. por 195.829€.
Este novo contrato enmárcase na Estratexia Galega de Solo Residencial que ten en marcha a Xunta, co obxectivo de desenvolver solo no que facilitar a construción de 25.000 vivendas en Galicia, 20.000 protexidas e 5.000 libres.
Xa está en marcha a redacción dos PIA para desenvolver ámbitos en Pontevedra (San Amaro), Vigo (Ofimático), Santiago (Mallou), Lugo (Sagrado Corazón), Ourense (Escorial-Vinteún), Arteixo (Baiuca-Penouqueira) e A Coruña (Monte Mero), onde se prevé urbanizar solo no que construír as primeiras 15.000 vivendas.