A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, deu a coñecer hoxe o fallo do concurso de proxectos convocado para esta intervención, ao que se presentaron 17 propostas
A Xunta presenta o proxecto gañador para a recuperación do entorno de Dona Urraca, en Lugo, que contempla unha nova praza e 16 novas vivendas
O proxecto ganador, “LUCUS350” está asinado por José Jorge Santos, José Carlos Mera, Javier Barcos e Manuel Enríquez, e contempla a rehabilitación de catro inmobles nas rúas Miño e Falcón que permitirán 6 vivendas e outras 10 de nova construción nesta contorna
As propostas “MEMOR145” e “CAMEL105” acadaron o segundo e o terceiro galardón no concurso de proxectos convocado pola Xunta para a posta en valor desta zona do barrio lucense da Tinería
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas subliña que as actuacións previstas, con espazos para a cidadanía e a creación de nova vivenda “marcarán un antes e un despois en Lugo, convertendo o barrio da Tinería nun novo símbolo da cidade”
O investimento previsto nas intervencións acadará preto de 7M€
A previsión da Administración autonómica é que no vindeiro verán se aprobe definitivamente o Plan Especial para o desenvolvemento do ámbito
- Compartir
Lugo, 9 de outubro de 2025
“Un proxecto que marcará un antes e un despois en Lugo, convertendo o barrio da Tinería nun novo símbolo da cidade”. Así definiu a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, a actuación que permitirá desenvolver o ámbito da UI-8 na cidade e que contempla a rehabilitación do Pazo de Dona Urraca e edificios contiguos para a creación de 16 novas vivendas, e unha nova praza entre o Pazo e a Muralla, cun investimento previsto de preto de 7M€. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, deu a coñecer hoxe o fallo do concurso de proxectos convocado pola Administración autonómica para a posta en valor desta contorna, cuxo primeiro premio recaeu na proposta “LUCUS350”.
Xunto ao arquitecto José Jorge Santos, asinan este proxecto gañador, que terá un premio de 12.000€, José Carlos Mera Rodríguez, Javier Barcos Berruezo e Manuel Enríquez Jiménez. Ademais, a proposta “MEMOR145”, asinada por José Manuel Castro Vázquez, Jorge Losada Quintas, Mario Alonso Ricci Garay e Michele Albaneli, acadou o segundo premio, dotado con 10.000€. E o proxecto “CAMEL105”, a cargo de Carlos Alberto Pita Abad, Jorge Salgado Cortina, Xoán Manuel Pérez Lorenzo, Noemí Cuba Alvariño e Carmen Romero obtivo o terceiro galardón, neste concurso convocado pola Xunta para a posta en valor desta zona do barrio lucense da Tinería, ao que se presentaron un total de 17 proxectos.
A conselleira destacou a calidade das propostas presentadas e explicou que, ademais da rehabilitación do Pazo, que data do século XII, a actuación permitirá a creación dunha praza entre este inmoble e a Muralla, así como tamén a rehabilitación dos inmobles situados nas rúas Miño 19 e 21 e Falcón 16 e 18, onde se acadarán 6 vivendas, así como a construción doutros 10 novos fogares.
A conselleira destacou que coa presentación hoxe do proxecto gañador dáse o pulo definitivo á recuperación desta contorna, “que xa é unha realidade” e se converterá en punto de encontro para a cidadanía e visitantes, tamén coa exhibición dos restos arqueolóxicos existentes nesta zona da Tinería que prevé a actuación.
Allegue agradeceu a colaboración do Concello de Lugo para abordar esta ambiciosa intervención e destacou que o equipo gañador porase a traballar “o antes posible” na redacción do Plan Especial de ordenación deste ámbito, cuxa aprobación definitiva se estima para o vindeiro verán. Paralelamente, traballarase na redacción dos proxectos de rehabilitación das edificacións adquiridas pola Xunta na rúa Miño, xa que se atopan fóra do Plan Especial, de xeito que se poidan licitar e materializar “coa máxima axilidade”. Trala aprobación do Plan Especial comezarase coa redacción dos proxectos de urbanización.
A Xunta ten investido xa máis de 26M€ no barrio da TInería, o que permitiu rehabilitar 40 edificios, que albergan 96 vivendas e máis dunha vintena de locais, aos que agora se sumarán estes 16 fogares máis.