O delegado territorial da Xunta reuniuse esta mañá coa Asociación de Veciños
A Xunta asumirá o custo dos traballos de desescombro de San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras
Manuel Pardo reiterou o compromiso da Xunta no financiamento das tarefas de desescombro tanto das vivendas como dos espazos públicos damnificados polos lumes
O delegado territorial destacou que ata o momento, na provincia de Ourense hai 120 solicitudes de axudas, das que 30 xa foron resoltas favorablemente, cun total de máis de 2,3 M€
O representante do Goberno galego lembroulles aos veciños as liñas das axudas activadas pola Xunta e insistiu no compromiso do Goberno galego para axilizar coa máxima celeridade a súa tramitación, a fin de que canto antes as familias poidan comezar a recuperación destes fogares tras esta terrible vaga de lumes
- Compartir
Ourense, 08 de outubro de 2025
“A Xunta de Galicia sufragará o custo dos traballos de desescombro das vivendas afectadas polo lume no pasado mes de agosto en San Vicente de Leira, do concello de Vilamartín de Valdeorras”; Así llo manifestou esta mañá o delegado territorial da Xunta aos representantes da Asociación de Veciños cos que mantivo esta mañá unha reunión no local social.
Tras los contactos iniciados pola Administración autonómica coa alcaldía, Manuel Pardo reiterou o compromiso da Xunta no financiamento das tarefas de desescombro tanto das vivendas como dos espazos públicos damnificados polos lumes.
Remarcou deste xeito o delegado territorial a disposición e a celeridade do Goberno galego e do seu Presidente de intentar que “a situación volva ao que era antes do incendio e que isto debe facerse canto antes" e para iso non se van escatimar nin esforzos, nin recursos.
Manuel Pardo lembroulles aos veciños as liñas das axudas activadas pola Xunta e insistiu no compromiso do Goberno galego para axilizar a súa tramitación, a fin de que canto antes as familias poidan comezar a recuperación destes fogares tras esta terrible vaga de lumes.
Ata o momento, na provincia de Ourense hai 120 solicitudes de axudas, das que 30 xa foron resoltas favorablemente, cun total de máis de 2,3 M€.
O delegado territorial lembroulles que as achegas da Xunta poden acadar case 150.000 € no caso de vivendas habituais, xa que ao 132.000 euros para rehabilitación do inmoble poden engadirse 16.200 euros polo enxoval doméstico. En caso de segunda residencia, as achegas son de ata 66.000 € e 5.400 € para o enxoval.
Esta axuda pode servir tanto para rehabilitar o inmoble, como para adquirir un novo, no caso de que quedase en situación de ruína como consecuencia dos lumes. A acreditación do estado de ruína se realizará mediante un informe técnico que, se o propietario desexa, elaborará a Xunta. Nestes casos hai que sumar ademais axudas complementarias para o realoxo mentres se rehabilitan as vivendas danadas.
Ademais, o Goberno galego tamén asumirá o 100 % do alugueiro temporal, se é preciso e achegará ata 600 € máis para sufragar gastos de aloxamento provisional, transporte ou mudanza. Os afectados poderán así mesmo percibir a contía total da axuda de xeito anticipado, o que lles permitirá axilizar obras de rehabilitación das vivendas.
En canto á documentación a presentar, os afectados deben acreditar a titularidade da vivenda, o seu destino como vivenda habitual ou ocasional e a disposición dalgún seguro. Tamén se debe acompañar unha memoria técnica que valore os danos acusado e o custe da rehabilitación. Este documento poderá ser elaborado pola Xunta, se así o solicita o damnificado.