A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, supervisou hoxe o inicio desta obra na cidade olívica
A Xunta inicia en Vigo as obras de 35 vivendas de promoción pública pioneiras no uso de técnicas industrializadas, cun investimento de 8,5 M€
Esta nova promoción pública será a primeira que se comeza a construír en Galicia na que se primou o uso de técnicas industrializadas xa na súa licitación e se prevé o seu remate no 2027
A conselleira subliña que Navia estase a consolidar como barrio referente da vivenda pública en Galicia, cun plan de 1.600 fogares —preto de 1.000 xa en marcha— e un investimento da Xunta de 248 M€, dos que máis da metade están xa en execución
Salienta o compromiso con Vigo, un dos principais referentes na política autonómica de vivenda, non só en Navia, senón tamén con outras actuacións no Ofimático, onde se prevén 2.300 vivendas, e en Ramón Nieto se habilitará solo para 1.392 fogares
- Compartir
Vigo, 3 de outubro de 2025
A Xunta deu hoxe un novo impulso ao barrio de Navia co inicio das obras dun edificio de 35 vivendas protexidas, distribuídas en tres bloques. A actuación suporá un investimento de máis de 8,5 millóns de euros, dos que o 77% se financian con fondos propios autonómicos, e ten previsto estar rematada no ano 2027.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destacou hoxe durante a visita á parcela que esta promoción será a primeira en Galicia na que xa na licitación de redacción de proxecto e obra se primou o uso de técnicas industrializadas, marcando un antes e un despois no modelo de construción da vivenda pública en Galicia.
Vantaxes das técnicas industrializadas
Esta actuación enmárcase na liña de acción do Goberno galego a prol das técnicas industrializadas, e busca ser exemplo para o sector. Precisamente nesta liña, a Xunta asinou un convenio co Clúster da Construción de Galicia para dar pulo á innovación e dixitalización das empresas galegas grazas ao uso de modelos de construción offsite, nunha primeira fase a través dun mapa de capacidades e un Plan de fomento da industrialización.
Allegue explicou que este modelo construtivo ofrece vantaxes claras fronte á edificación tradicional. Permite reducir os tempos de execución, o que implica contar con máis vivendas dispoñibles en menos tempo e evitar atrasos por circunstancias externas como a climatoloxía. Ademais, contribúe a paliar o déficit de man de obra cualificada, ao introducir procesos máis tecnificados, e garante maior sostibilidade, optimizando o uso dos materiais e reducindo a pegada de carbono.
Outro aspecto clave é que esta metodoloxía posibilita manter e incluso mellorar a calidade final da vivenda, favorecendo o uso de materiais galegos como a madeira e impulsando así tamén o tecido produtivo local.
“Estamos nun punto de inflexión. A cidadanía precisa respostas rápidas e eficaces, e as técnicas industrializadas permítennos avanzar en eficiencia, sostibilidade e competitividade, sen renunciar á calidade”, destacou a conselleira.
Navia, bandeira da vivenda pública
Navia é hoxe un dos barrios de referencia en materia de vivenda pública en Galicia, cun proxecto de crecemento que prevé 1.600 novos fogares. Deles, preto de 1.000 están xa en marcha, con 240 vivendas en execución desde hoxe e o resto en fase de proxecto ou xa adxudicados.
En total, a Xunta comprometeu neste ámbito 248 millóns de euros, dos que case a metade 134 millóns (15,6 de fondos europeos) están xa en execución.
Allegue salientou que Vigo é un dos principais referentes na política autonómica de vivenda, non só co desenvolvemento de Navia, senón tamén con outras actuacións en marcha. No ámbito do Ofimático está prevista a construción de 2.300 vivendas, mentres que en Ramón Nieto se habilitará solo para 1.392 fogares.