A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe dúas parcelas no barrio coruñés de Someso que acollerán 177 novas vivendas protexidas
A Xunta concede axudas a cooperativas e promotores por importe de 3,8 M€ de fondos propios para a construción de preto de 400 novas vivendas protexidas
Na Coruña, nunha das parcelas de Someso están en marcha as obras por parte da cooperativa Terrazas de Ézaro para acadar 80 vivendas protexidas, cunha achega autonómica de 800.000€
Noutra parcela a cooperativa Mirador de Ézaro construirá 97 vivendas, cunha achega da Xunta de 970.000€ e cuxos traballos comezarán a finais deste ano
Esta liña de axudas da Xunta, da que xa se beneficiaron cooperativas e promotores da Coruña e Pontevedra, aínda ten aberto o prazo ata esta noite para presentar solicitudes
Allegue instou ao Goberno a contemplar este tipo de axudas no Plan Estatal de Vivenda, pois ata agora só se inclúen achegas para construír vivendas en alugueiro “e en Galicia esta axuda non funciona”
A Xunta ten en marcha na Coruña 205 vivendas en Xuxán, Porticada, Pedro Fernández e Os Rosais e estase habilitando solo para 4.310 vivendas en Monte Mero
- Compartir
A Coruña, 30 de setembro de 2025
A Xunta concede axudas a cooperativas e promotores por importe de 3,8M€, de fondos propios, para a construción de preto de 400 novas vivendas protexidas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe dúas parcelas no barrio coruñés de Someso que acollerán 177 novas vivendas protexidas.
Allegue detallou que estas dúas cooperativas contan con axudas autonómicas que suman un total de 1,8M€. Nunha das parcelas, a cooperativa Terrazas de Ézaro xa ten en obras dende maio unha promoción de 80 vivendas protexidas que contan cunha achega da Xunta de 800.000€.
Por outra parte, noutra parcela a cooperativa Mirador de Ézaro construirá 97 vivendas, cunha achega de 970.000€ por parte da Xunta. Os traballos comezarán a finais deste ano.
Allegue subliñou que estas axudas teñen como obxectivo incentivar a promotores e cooperativistas para que se constrúan vivendas protexidas tanto para alugueiro como para venda. Recordou que aínda está aberto o prazo ata esta noite para presentar solicitudes.
Aproveitou para volver a solicitar que o Goberno central tamén contemple axudas a promotores e cooperativistas para venda no novo Plan Estatal de Vivenda, tal e como a Xunta leva reclamando dende hai meses, pois só se inclúen achegas para construír vivendas en alugueiro. “Esta nova liña xerou o interese do sector e tivo unha gran acollida segundo o número de solicitudes recibidas ata o momento -destacou Allegue - e podemos dicir que despois de escoitar ao sector, é unha liña que axuda de verdade a dinamizar a construción privada de fogares protexidos”.
Fixo fincapé en que a Xunta tamén está a redobrar esforzos para construír e habilitar solo para facilitar o acceso á vivenda. Detallou que na Coruña están 205 vivendas en marcha en Xuxán, Porticada, Pedro Fernández e Os Rosais, e estase habilitando solo para 4.310 vivendas en Monte Mero.