A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, supervisou hoxe a rehabilitación do inmoble, situado no lugar de Luíntra
Allegue visita unha vivenda reformada ao abeiro das achegas para rehabilitación de edificios de titularidade municipal en Nogueira de Ramuín
Trátase dunha antiga vivenda de mestres no lugar de Luíntra e o Concello abordou a rehabilitación cunha achega da Xunta de 50.000 euros, para destinala a alugueiro accesible
Allegue pon en valor esta liña de axudas da Xunta, que permitiron este ano recuperar 21 vivendas na provincia de Ourense, cun investimento de máis de un millón de euros
A conselleira destacou que estas achegas contribúen a “fixar poboación no rural”, obxectivo ao que está dirixida tamén a liña de axudas para adquisición de vivenda para mozos menores de 36 anos en concellos de menos de 10.000 habitantes, da que se beneficiaron este ano 49 mozos da provincia ourensá
- Compartir
Nogueira de Ramuín (Ourense), 23 de setembro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe unha vivenda reformada ao abeiro da liña das axudas da Xunta aos concellos para rehabilitación de edificios de titularidade municipal no concello ourensán de Nogueira de Ramuín.
En concreto, trátase dunha antiga vivenda de mestres no lugar de Luíntra e o Concello abordou a rehabilitación cunha achega de 50.000 euros da Xunta, para destinala a alugueiro accesible.
Allegue puxo en valor a rehabilitación executada e destacou que a través desta liña de axudas para a rehabilitación de edificacións de titularidade municipal puidéronse recuperar este ano 21 vivendas na provincia de Ourense, cun investimento de máis de un millón de euros.
Estes fogares destínanse a alugueiro accesible, “porque do que se trata é da facilitar o acceso á vivenda”, reto no que a Xunta traballa tanto a través da rehabilitación como especialmente coa nova construción de vivenda pública, con preto de 3.000 xa en marcha en toda Galicia no que vai de lexislatura.
A conselleira destacou que iniciativas coma esta rehabilitación de vivendas para alugueiro accesible axudan a acadar o reto de “fixar poboación no rural”.
A este obxectivo está dirixida tamén a liña de axudas para facilitar a compra de vivenda para mozos menores de 36 anos en concellos de menos de 10.000 habitantes, da que este ano se beneficiaron preto de 300 mozos e mozas. Destas axudas, 49 foron para compra en concellos ourensáns.