A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, deu conta das actuacións en marcha na cidade
Allegue cifra en 60 M€ o investimento da Xunta en materia de vivenda en Pontevedra, onde xa están en execución 300 novos fogares
A conselleira destaca as actuacións de Valdecorvos como exemplo da acción da Xunta en materia de vivenda, onde o Goberno galego está a impulsar 235 fogares
Allegue anuncia que a Xunta está a tramitar unha axuda a promotores, que se suma á xa concedida a unha cooperativa, que sumará unha achega de preto dun millón de euros para 2 inmobles de nova construción
O ámbito de San Mauro contará con 25 bloques de edificios, unha gran praza central, máis de 2.000 árbores respectando a vexetación da contorna do río que atravesa a zona, 550 prazas de aparcadoiro público e mobiliario urbano e iluminación sostibles
Todas as vivendas das parcelas da Xunta e as cedidas polo Concello á Administración autonómica están en marcha, en diferentes fases de execución
- Compartir
Pontevedra, 19 de setembro de 2025
A Xunta reafirma a súa aposta pola cidade de Pontevedra comprometendo un investimento de 60 millóns de euros destinado á construción de novas vivendas públicas, que estarán rematadas no horizonte de 2028, e a habilitar solo en San Mauro.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, deu así conta hoxe nun almorzo informativo das actuacións en marcha polo departamento que dirixe en materia de vivenda en Pontevedra.
María M. Allegue destacou que o esforzo da Xunta en Pontevedra forma parte dun “compromiso absoluto coa cidade e un traballo a un ritmo abrumador”,xa que tan só en ano e medio de lexislatura, xa se puxeron en marcha preto de 3.000 novas vivendas en Galicia, cun investimento licitado de máis de 200M€, dun orzamento estimado de 541M€.
En Pontevedra están en marcha 300 vivendas e as principais actuacións céntranse en Valdecorvos, con 253 vivendas, Ernestina Otero (Tafisa), con 53, e nas Devesas 11 máis; así como no Proxecto de Interese Autonómico no ámbito de San Mauro, que habilitará solo para construír máis de 2.000 vivendas, o 80% delas protexidas.
Entre os proxectos en execución destacou as 74 vivendas xa en construción en Valdecorvos, cun investimento de 16,5 M€; as 56 vivendas de promoción pública, cunha estimación de investimento de 9,6 M€ ou o inmoble de 48 vivendas, cun investimento estimado de 9,1 M€.
Tamén se referiu á rehabilitación de baixos comerciais en Prado Novo para convertelos en 3 novas vivendas, cunha estimación de investimento de 800.000 €.
A conselleira deu conta da evolución das vivendas que se executarán en solo cedido polo Concello de Pontevedra: 54 en Valdecorvos, 53 en Ernestina Otero e 11 nas Devesas, cun investimento estimado conxunto de máis de 22 M€, todas xa coa redacción de proxecto e dirección de obra en adxudicación.
A conselleira subliñou o compromiso coa mocidade, garantindo que un 25% das vivendas en compra e un 40% das de alugueiro estarán reservadas a menores de 36 anos.
Por último, a conselleira adiantou detalles do futuro desenvolvemento do ámbito de San Mauro para habilitar solo para 2.040 vivendas, das que un 80% serán protexidas, 25 bloques de edificios que disporán dunha gran praza central, máis de 2.000 árbores respectando a vexetación da contorna do río que atravesa a zona, 550 prazas de aparcadoiro público e mobiliario urbano e iluminación sostibles.
“Entre todos estamos a construír a Pontevedra do futuro”. Con esta mensaxe, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas subliñou o esforzo da Xunta pola vivenda na cidade do Lérez, e anunciou que “o mellor está por vir”, xa que a partir de 2026 comezarán a entregarse as primeiras vivendas públicas en Pontevedra, consolidando así unha estratexia que combina vivenda asequible, desenvolvemento urbano sostible e novos espazos de lecer para a cidadanía.
Axudas a promotores
A Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas anunciou que a Xunta está a tramitar unha nova axuda a promotores, que se suma á xa concedida á cooperativa Andares do Lérez, e que polo tanto constituirá unha achega de preto dun millón de euros para 2 inmobles de nova construción na zona de Tarifa.