A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe os concellos de Vilamartín de Valdeorras e Quiroga
A Xunta leva transferidos máis 900.000€ en axudas para os propietarios de vivendas afectadas polos incendios forestais deste verán
O Goberno galego concedeu xa 9 axudas, 7 a propietarios de vivendas en San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras, e 2 en Quiroga por un importe que supera os 900.000€
Allegue destacou que a Xunta está a axilizar a tramitación e a resolución das solicitudes, tal como comprometera á veciñanza afectada
As contías das axudas poden acadar os preto de 150.000€, no caso de que a vivenda afectada sexa habitual
A conselleira lembrou que o Executivo asumirá o 100% do alugueiro temporal, se é necesario, e achegará ata 600€ de axuda complementaria para sufragar gastos derivados da mudanza
- Compartir
Vilamartín de Valdeorras (Ourense), 16 de setembro de 2025
A Xunta leva transferidos 902.996€ en axudas para os propietarios de vivendas afectadas polos incendios forestais deste verán. Así o detallou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que visitou hoxe os municipios de Vilamartín de Valdeorras e Quiroga.
Allegue, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora territorial da Consellería, Pilar Fernández, desprazouse de novo a San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras, onde se outorgaron axudas a 7 familias.
Destacou que a Xunta está a axilizar a tramitación e resolución das axudas, tal como comprometeu á veciñanza afectada nas visitas realizadas nestas pasadas semanas.
Posteriormente, a conselleira visitou o municipio de Quiroga, na provincia de Lugo, onde indicou que o Goberno galego xa concedeu tamén 2 axudas a veciños afectados polo lumes para comezar a recuperar os seus fogares.
Cómpre lembrar que as achegas da Xunta poden acadar case 150.000€ no caso de vivendas habituais, pois aos 132.000€ para rehabilitación do inmoble poden engadirse 16.200€ polo enxoval doméstico. En caso de segunda residencia, as axudas son de ata 66.000€ e 5.400€ para o enxoval.
O Goberno galego tamén asumirá o 100% do alugueiro temporal, se é preciso e achegará ata 600€ máis para sufragar gastos derivados desta situación. Os afectados poderán percibir a contía total da axuda de xeito anticipado, o que lles permitirá axilizar obras de rehabilitación das vivendas.
A Xunta ten habilitadas 16 oficinas para resolver dúbidas das persoas afectadas e axudalas a presentar as solicitudes. A cidadanía tamén pode dirixirse a calquera das oficinas do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) ou aos concellos.