A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participou hoxe na reunión do consello de administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia
A Xunta adxudica a redacción de proxectos de obra de 63 vivendas de promoción pública en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa
Os contratos inclúen tamén a dirección de obra
As vivendas construiranse sobre parcelas cedidas polos concellos, e a súa execución suporá un investimento da Xunta de preto de 12M€
- Compartir
Santiago de Compostela 15 de setembro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participou esta mañá na reunión do consello de administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), que deu conta da adxudicación da redacción dos proxectos e dirección de obras de 63 vivendas de promoción pública nos concellos de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
No concello de Pontevedra adxudicouse a redacción do proxecto e dirección de obra de 53 vivendas de promoción pública na parcela P7, na rúa Ernestina Otero, cedida polo concello. O proxecto será redactado pola UTE Rodrigo Zamora y Carlos Cameo Tafisa, por importe de 375.679,58 euros.
En Vilagarcía construiranse 10 vivendas na parcela 5 do lugar de Marxión, tamén cedida polo concello. Encargarase do proxecto a UTE Oxil-Domohomo, por importe de 85.184 euros.
O investimento total estimado previsto para a construción destas vivendas de promoción pública é de preto de 12 M€.
Con estas novas adxudicacións a Xunta avanza cara o cumprimento do compromiso de duplicar o parque público de vivenda na presente lexislatura e xa son máis de 2.800 as vivendas de nova construción que se atopan en diversas fases de execución.