A Xunta inicia a tramitación ambiental do PIA da Coruña, co obxectivo de urbanizar solo para máis de 4.000 vivendas
O proxecto de interese autonómico (PIA) do Monte Mero, na Coruña, inicia este trámite ambiental
O mesmo procedemento do PIA de Lugo xa está iniciado e proximamente iniciarase o dos PIA de Santiago, Pontevedra, Vigo e Ourense
O PIA de Vilagarcía de Arousa e un segundo PIA na cidade de Vigo están pendentes de adxudicación
A Xunta prevé urbanizar solo para 25.000 vivendas, das que 20.000 serán protexidas
- Compartir
Santiago de Compostela 14 de agosto de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas comeza a tramitación ambiental do proxecto de interese autonómico (PIA) do sector SUD 4 do Monte Mero, da Coruña, coa remisión á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade do borrador do proxecto e o documento ambiental estratéxico para o inicio do procedemento ambiental que permita continuar coa tramitación administrativa do PIA.
O PIA do Monte Mero inclúe un ámbito de 40 hectáreas de extensión e no mesmo prevese que se poidan construír máis de 4.000 vivendas, das que o 80 por cento serán protexidas.
Está actuación forma parte da Estratexia Galega de Solo Residencial desenvolta pola Xunta para urbanizar solo para 25.000 vivendas, das que 20.000 serán protexidas, e trátase do segundo proxecto que inicia a súa tramitación ambiental despois do PIA de Lugo. En próximas datas serán sometidos ao antedito trámite os ámbitos correspondentes a Santiago, Pontevedra, Vigo e Ourense. Ademais, o PIA en Vilagarcía e un segundo PIA para a cidade de Vigo están pendentes de adxudicación.