A Xunta apoia con máis de 146.000 euros á mellora de locais e equipamentos de dezaseis entidades veciñais a través do plan específico de acción comunitaria
A delegada territorial, Martina Aneiros, visitou esta mañá a AVV de San Vicente de Vilaboa, beneficiaria de dúas achegas valoradas 17.000 euros para a substitución da cubrición do local e a adquisición de equipamento
Esta orde de axudas, dotada con catro millóns de euros, unha cifra histórica, permite facilitar a actividade a asociacións veciñais, colectivos de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas
- Compartir
Valdoviño (Ferrol), 8 de agosto de 2025
A Xunta de Galicia colabora con 146.456 euros na mellora de locais e equipamentos de 16 entidades veciñais de Ferrolterra a través do Plan específico de acción comunitaria. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá da resolución destas axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes durante unha visita efectuada á AVV de San Vicente de Vilaboa, en Valdoviño, beneficiaria da convocatoria.
Neste caso, a entidade percibiu dúas achegas autonómicas de 17.000 euros, unha de 12.000 euros dentro da liña de execución de obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais coa que se financia a substitución da cuberta do local e outra de 5.000 euros para a adquisición de equipamento, concretamente un portátil, unha televisión con soporte, dúas mesas, 12 cadeiras e un equipo de son.
Durante a visita na que estivo acompañada do alcalde do Concello de Valdoviño, Alberto González, a delegada territorial remarcou o compromiso da Xunta co asociacionismo local e destacou “a importancia de facilitarlles espazos axeitados para o desenvolvemento da súa actividade coa que contribúen a dinamizar a vida social e cultural do entorno e mellorar a calidade de vida da cidadanía, canalizando as súas peticións, en tanto que son as entidades máis próximas ós veciños”.
O Plan específico de acción comunitaria, creado en 2016, está dotado este ano con catro millóns de euros -un millón máis que a convocatoria do ano pasado, cun incremento do 33,3 %- para estas subvencións anuais. Destínanse 3,4 M€ para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas e os restantes 600.000 euros para a adquisición de equipamento.
A delegada territorial lembrou que “desde a súa posta en marcha, a Xunta leva investidos preto de 26 millóns de euros en máis de 2.000 proxectos.