A Pastoriza suma novas vivendas de titularidade municipal para alugueiro social co apoio da Xunta
O delegado territorial, Javier Arias, explica que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas concedeu 478.000 euros nos últimos anos para habilitar 11 vivendas froito da recuperación de inmobles en varias parroquias
- Compartir
A Pastoriza (Lugo), 15 de xullo de 2025
A Xunta concedeu 478.000 euros ao Concello da Pastoriza para rehabilitar 11 vivendas de titularidade municipal destinadas a alugueiro social a través das últimas convocatorias de axudas da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para ese fin.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, acompañado do alcalde da Pastoriza, Darío Cabaneiro, estivo hoxe no municipio para coñecer os novos proxectos que se acometerán, entre os que figura a mellora da antiga escola que visitou no lugar de Grandela, na parroquia de Reigosa, que conta cunha achega autonómica de 17.200 euros para renovar a cuberta.
Así mesmo, este ano a Xunta destinará 199.000 euros para sumar catro novas vivendas neste concello, resultado da rehabilitación das antigas escolas unitarias das parroquias de Úbeda e Corvelle – dúas na primeira e unha na segunda - e outra en Saldanxe.
Este apoio súmase aos outorgados con cargo aos programas de 2020 e 2022. No primeiro incorporáronse cinco vivendas para alugueiro tras a reforma das antigas escolas de Bretoña, Crecente e Álvare, cunha achega da Xunta de 184.000 euros. En 2022, concedéronse 77.600 euros para rehabilitar dúas vivendas no lugar de Grandela.
Arias apuntou que xa está esgotado o crédito da última convocatoria desta liña de axudas, dotada cun orzamento de 1.850.000 euros. Salientou que nas comarcas da Terra Chá e Meira tamén resultou beneficiario o municipio de Pol, que contará con 45.500 euros para acometer un proxecto en Fraialde.
O delegado destacou que esta medida axuda a ampliar o parque de vivenda pública en Galicia e a asentar poboación nos concellos de menos de 30.000 habitantes, ademais de apostar pola recuperación do patrimonio construído.