A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, supervisou a obra de construción de 20 vivendas de promoción pública en Mos
A Xunta concede unha achega de 1,2 M€ ao Concello de Mos, ao abeiro do Fondo de Cooperación, que permitirá multiplicar por cinco a vivenda pública e protexida prevista na localidade
Allegue anuncia que a Xunta concede ao Concello de Mos un préstamo de 1,2M€, no marco do Fondo de cooperación con concellos, para a adquisición de solos para a construción de preto de 80 vivendas protexidas
A conselleira supervisou as obras do inmoble de promoción pública para 20 vivendas de promoción pública, no que se aplican técnicas industrializadas
Trátase dun edificio de tres plantas e as vivendas terán entre dous e catro dormitorios con terraza e zonas verdes
Polo menos un 40% das vivendas destinaranse a alugueiro accesible para menores de 36 anos
- Compartir
Mos (Pontevedra), 14 de xullo de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, anunciou a concesión dun préstamo sen xuros de 1,2M€ do novo Fondo de Cooperación para a construción de vivenda protexida ao Concello de Mos, para a adquisición de solos en Tameiga–San Eleuterio, para aproximadamente 80 novos fogares protexidos. M. Allegue destacou que este préstamo permitirá multiplicar por 5 a oferta de vivenda pública e protexida prevista na localidade, pasando de 20 fogares, que xa están en marcha, a 100.
Precisamente a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas visitou as obras de construción do edificio para 20 vivendas de promoción pública no barrio de San Eleuterio-Tameiga da localidade, nunha parcela cedida polo Concello, que se prevé que estea rematado en 2026.
O inmoble, no que se aplican técnicas industrializadas, avanza a bo ritmo e tralos traballos de cimentación, instalaranse lousas prefabricadas para erixir a estrutura. O inmoble contará con diversos espazos comunitarios arredor de dous patios centrais, que permiten a entrada de luz natural e melloran a ventilación das vivendas, que contarán con terraza, á vez que se favorece a relación co espazo exterior.
A actuación suma un investimento de máis de 4,3M€, dos que un 77,2% son fondos propios da Xunta e 22,8% fondos europeos. Polo menos un 40% das vivendas destinaranse a alugueiro accesible para menores de 36 anos.
Allegue destacou o compromiso da Xunta con esta localidade e agradeceu ao Concello a súa cooperación co Goberno galego.