A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe co alcalde, Jorge Cubela, os convenios para materializar as actuacións
A Xunta colabora co concello de Cerdedo-Cotobade na humanización da contorna da igrexa de Santa María de Sacos e na promoción de vivenda pública
O primeiro convenio ten como obxectivo o acondicionamento da contorna da igrexa, ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta, e suporá un investimento total de 375.000€, do que o Goberno galego financia o 70% e o Concello o 30% restante
As obras incluirán o aumento do espazo peonil, a renovación do pavimento, a dotación de mobiliario ou a mellora da iluminación
O segundo acordo asinado permitirá conceder ao Concello un préstamo de case 90.000€, procedente do Fondo de Cooperación, para a adquisición de 9 parcelas en San Xurxo de Sacos, nas que se poderán construír unhas 7 vivendas
Este Fondo, que axuda aos municipios a financiar a construción de vivenda protexida, está dotado de 10M€ e ten aberto ata o 15 de outubro o prazo de presentación de solicitudes
- Compartir
Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 4 de xullo de 2025
A Xunta colabora co Concello de Cerdedo-Cotobade nas obras de humanización da contorna da igrexa de Santa María de Sacos e na promoción de vivenda pública. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe co alcalde, Jorge Cubela, dous convenios de colaboración para estas actuacións en materia de urbanismo e vivenda.
No caso da primeira destas intervencións, financiarase conxuntamente entre Xunta e Concello a través do Plan Hurbe, co que a Administración autonómica apoia aos municipios en actuacións de mellora das contornas urbanas e equipamentos públicos. O investimento total acada case 375.000€ (372.731€), dos que a Xunta financia o 70% (260.911€) ademais de executar as obras, e o Concello o 30% restante (111.819 euros).
A humanización da contorna da igrexa de Santa María de Sacos permitirá, como destacou a conselleira, mellorar de xeito significativo este espazo, gañando espazo para as persoas.
Así, aumentarase o espazo peonil coa creación dunha plataforma única e ademais mellorarase a eficiencia enerxética, renovarase o pavimento, instalarase mobiliario urbano para delimitar o espazo para o uso peonil e colocaranse novas luminarias LED na zona. Tamén se substituirán as redes de pluviais e se soterrarán as liñas de telecomunicacións, baixa tensión e alumeado.
Allegue indicou que estas intervencións posibilitarán poñer ao servizo dos veciños unha contorna mellorada para albergar a singular igrexa románica de Santa María de Sacos do século XII.
Fondo de Cooperación vivenda
Por outra parte, a conselleira e o rexedor firmaron outro convenio a través do que o municipio afrontará a compra de parcelas onde crear vivenda protexida, grazas préstamo sen intereses do novo Fondo de Cooperación da Xunta. O importe deste préstamo ascende a case 90.000 euros, cos que o Concello adquirirá 9 parcelas na parroquia de San Xurxo de Sacos, nas que se poderán construír en torno a 7 vivendas.
Trátase do primeiro dos convenios que a Xunta asina deste novo Fondo de Cooperación posto en marcha este 2025 para axudar aos concellos a financiar a construción de vivenda protexida e dotado con 10M€. O prazo de presentación de solicitudes por parte dos concellos segue aberto ata o 15 de outubro.