O delegado territorial da Xunta puido comprobar esta mañá na cidade de Ourense, os traballos realizados nunha vivenda para a substitución de ventás, que contou cun investimento de 3.000 euros
Manuel Pardo subliña as axudas de preto de 178.000 € da Xunta para actuacións de mellora da eficiencia enerxética en 62 vivendas na provincia de Ourense
O delegado territorial da Xunta lembrou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de lanzar unha nova orde destas achegas cun orzamento global de preto de 2,2 M€, dirixidas a persoas físicas propietarias, arrendatarias ou usufrutuarias das vivendas, e que poden solicitalas antes do 8 de xullo
Manuel Pardo explicou que a través desta convocatoria da Xunta, subvenciónanse intervencións nas vivendas individuais, xa sexan unifamiliares ou pertencentes a edificios plurifamiliares, para reducir a demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración de, polo menos, o 7 % ou reducir o consumo de enerxía primaria non renovable de, polo menos, un 30 %
O representante do Goberno galego destacou que, entre 2021 e 2024, o executivo autonómico concedeu en Galicia axudas para a mellora da eficiencia enerxética de 3.792 vivendas por importe de 10,5 millóns de euros
- Compartir
Ourense, 03 de xullo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou, na cidade de Ourense, unha das 62 vivendas beneficiadas, o ano pasado, do programa de axudas para actuacións de mellora da eficiencia enerxética, nas que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destinou preto de 178.000 euros na provincia ourensá.
O delegado territorial lembrou durante a súa visita ao inmoble, que a Xunta vén de lanzar unha nova convocatoria destas achegas cun orzamento global de preto de 2,2 M€, dirixidas a persoas físicas propietarias, arrendatarias ou usufrutuarias das vivendas, e que poden solicitalas antes do 8 de xullo. Así mesmo, detallou que o importe a percibir será do 40 % do custo subvencionable, a partir dun investimento de 1.000 euros e cun límite máximo de 3.000 euros por vivenda.
Manuel Pardo subliñou que as intervencións nas vivendas individuais, xa sexan unifamiliares ou pertencentes a edificios plurifamiliares, teñen como obxectivo reducir a demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración de, polo menos, o 7 % ou reducir o consumo de enerxía primaria non renovable de, polo menos, un 30 %. Tamén se enmarcan nesta orde de axudas, as actuacións para modificar ou substituír elementos construtivos da envolvente térmica co fin de adecuar as súas características aos valores límite de transmitancia térmica e de permeabilidade ao aire.
O representante do Goberno galego rematou destacando que, entre 2021 e 2024, o executivo autonómico concedeu en Galicia axudas para a mellora da eficiencia enerxética de 3.792 vivendas por importe de 10,5 millóns de euros.