A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe a parcela que o Concello de Vilagarcía cede gratuitamente á Xunta
Xunta e Concello de Vilagarcía asinan a cesión de solo para a construción de 10 vivendas de promoción pública o mesmo día que o Executivo licita a redacción do proxecto e dirección da obra
O Goberno galego estima en 1,9 M€ o investimento total neste novo inmoble
A conselleira anuncia que hoxe se publica a licitación para a redacción do proxecto deste edificio por un importe de 105.843,16 €
Ademais, en Vilagarcía está en fase de contratación a redacción do Proxecto de interese autonómico (PIA) no ámbito entre a avenida das Carolinas e as rúas Coca e Arealonga, onde se prevén 350 vivendas, o 80 % protexidas, no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial
- Compartir
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 3 de xullo do 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe o convenio para a cesión gratuíta dunha parcela para a construción dun edificio de promoción pública para dez vivendas en Vilagarcía. Situada en Marxión, conta cunha superficie de 675 metros cadrados.
Martínez Allegue anunciou, ademais, que hoxe mesmo publicarase no perfil do contratante a licitación da redacción do proxecto e dirección de obra do inmoble, por un importe de 105.843,16 €. O investimento estimado que fará a Xunta de Galicia neste inmoble é de 1,9 M€. A Xunta abordará a construción destes novos fogares a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia.
A conselleira salientou a colaboración cos concellos para acadar máis solos para a promoción de vivendas públicas con acordos coas administracións locais de Teo, Lalín, A Estrada, Ames, Lugo, Pontevedra, A Coruña e Vilagarcía de Arousa.
Por outra banda, a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recordou que a Xunta tamén está a analizar as catro ofertas presentadas para a redacción do proxecto de Interese Autonómico no ámbito comprendido entre a avenida das Carolinas e as rúas Coca e Arealonga, onde se prevén 350 vivendas, o 80 % protexidas.
A conselleira destacou que o Goberno galego “ten un firme compromiso coa veciñanza de Vilagarcía en canto ao acceso á vivenda e co desenvolvemento sostible da capital de Arousa”.