A Xunta recibe 5 ofertas para a redacción do proxecto para construír 54 vivendas públicas en Valdecorvos, no concello de Pontevedra
Trátase do contrato de redacción do proxecto para construír estas novas vivendas públicas na parcela cedida polo Concello localizada no polígono B1 de Valdecorvos, na rúa Prado Novo nº4 por un importe de 447.715 €
En Valdecorvos a Xunta ten en marcha na actualidade 236 vivendas de promoción pública
- Compartir
Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) recibiu cinco ofertas de empresas para a redacción do proxecto básico e de execución e da dirección de obra para a construción de 54 vivendas de promoción pública en solo cedido polo Concello de Pontevedra.
Trátase do contrato de redacción do proxecto para construír estas novas vivendas públicas na parcela P19 de 3.220 metros cadrados localizada no Polígono B1 de Valdecorvos, na rúa Prado Novo nº 4. O orzamento de licitación ascende a 447.715 euros.
A Xunta licitou este contrato o pasado día 19 de maio, tralo acordo da cesión gratuíta de tres parcelas municipais por parte do Concello, que permitirá en total a construción de 118 novas vivendas públicas máis en Pontevedra.
En Valdecorvos, a Xunta ten en marcha na actualidade 236 vivendas de promoción pública. Ademais das 74 en construción, están xa en fase de supervisión os proxectos para outras 104 vivendas, 56 na parcela P14 e 48 na P17. Así mesmo, está adxudicada a redacción dos proxectos para converter 4 baixos en vivendas, ao que se suma esta licitación da redacción do proxecto para 54 vivendas na parcela P19.
A maiores, a Xunta ten licitada a redacción do proxecto para a construción doutras 53 vivendas públicas na parcela de Tafisa, así como tamén a redacción do proxecto para outras 11 vivendas na parcela das Devesas, cedidas igualmente polo Concello.