A Xunta confirma que as promesas de financiamento de vivenda de Sánchez se cinguen ao novo Plan de Vivienda que leva estancado 6 meses xa e que obriga a quintuplicar as achegas de Galicia
A Xunta critica que o novo anuncio do presidente do Goberno redúcese ao novo Plan Estatal de Vivienda, “que esixe maiores achegas das comunidades autónomas e con máis control por parte do Estado, é dicir, máis fume”
O Goberno galego está disposto a asumir este esforzo orzamentario, pero urxe a convocatoria da Conferencia Sectorial de Vivienda para debater o novo marco de financiamento
- Compartir
Madrid, 24 de xuño de 2025
A Xunta asume que deberá quintuplicar a súa achega financeira ao novo Plan Estatal de Vivienda se quere acceder ás axudas comprometidas polo Goberno de Pedro Sánchez. Trala reunión mantida hoxe en Madrid co director general do Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana, Francisco Javier Martín, o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo da Xunta, Heriberto García Porto, confirmou que a proposta anunciada por Sánchez enmarcarase no Plan Estatal de Vivienda e que non se celebrarán reunións bilaterais para acadar acordos.
Deste xeito, a Xunta critica que o anuncio do presidente do Goberno redúcese ao novo Plan Estatal, “esixindo maiores achegas das comunidades autónomas e con máis control por parte do Estado, é dicir, máis fume”.
Neste senso, explicou que para Galicia a proposta implicaría multiplicar por cinco a aportación autonómica ao Plan Estatal para recibir 240 millóns en cinco anos. É dicir, a Galicia corresponderíanlle a través do plan 399 millóns, dos que achegaría 159.
Así, a aportación pasaría cada ano de 6 a 32 millóns de euros, mentres que a do Estado pasará de 22 a 48 millóns. “Galicia quintuplicaría, mentres que o Estado duplica os fondos”, sinala García Porto. Isto supón, engade, que as comunidades autónomas deberán achegar o 40 % do orzamento prometido por Sánchez, que ascendía a 7.000 millóns de euros.
García Porto indicou que, por outra banda, a achega das comunidades ao anterior Plan aprobado e agora aínda vixente era voluntaria e permitía acceder aínda a maior importe de financiamento, “mentres que agora é obrigatoria”. “Desta forma, esta formulación é un paso máis nas políticas centralizadoras das competencias en materia de vivenda, -criticou- coa intención de condicionar as liñas de actuación autonómicas”.
Ante esta situación, a Xunta urxe a inmediata convocatoria da Conferencia Sectorial de Vivienda na que se debatan estas condicións e considera que a reunión bilateral de hoxe vén “pinchar o globo” das promesas do Goberno central, “xa que non vai a haber acordos bilaterais con ningunha comunidade e de novo todo o anunciado é fume”.
A pesares desta situación, a Xunta mostrou a súa disposición a participar no futuro Plan e pediu absoluta flexibilidade nos programas e compatibilidade cos xa existentes en Galicia. En todo caso, reclamou ao Goberno central o borrador deste Plan estatal, que está pendente de ser remitido ás comunidades desde hai 6 meses xa, “e que deixe de facer anuncios de financiamento sobre unha base aínda inexistente”.
Por outra banda, o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo da Xunta lamentou que este atraso na elaboración do plan “compromete seriamente que poida estar operativo para finais deste ano, o que resulta inconcibible na situación actual de dificultade de acceso á vivenda e máis cando Galicia, do mesmo xeito que outras comunidades, enviaron as súas suxestións ao Estado en decembro do pasado ano”.