A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas asinou un protocolo de colaboración co Concello para a cesión de solo municipal destinado á construción de vivendas de promoción pública
María M. Allegue reforza en Ames a aposta da Xunta pola vivenda pública coa sinatura de cesión de parcelas para 218 novos fogares
Co acordo asinado, Ames súmase á rede de localidade que xa colaboran coa Xunta na cesión de solo para o desenvolvemento de vivenda pública que inclúe, entre outros, Pontevedra, Lugo ou A Coruña
Galicia ten en marcha máis de 2.200 vivendas públicas en diferentes fases de execución, seguindo o obxectivo marcado pola Administración galega de duplicar o parque dispoñible (de 4.000 a 8.000)
- Compartir
Ames (A Coruña), 20 de xuño de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, o concello de Ames para formalizar xunto ao seu alcalde, Blas García, un novo avance na política autonómica de vivenda pública. A través da sinatura dun protocolo de colaboración, o Goberno galego e o Concello acordan a cesión de solo municipal para a construción de 218 novas vivendas de promoción pública, que suporán un investimento estimado da Xunta de arredor de 41 millóns de euros.
Allegue puxo en valor a importancia da colaboración institucional leal e eficaz para dar resposta á demanda crecente de vivenda en concellos cunha poboación nova e en expansión como a de Ames. Subliñou que o acceso a unha vivenda digna, de calidade e prezos asumibles segue a ser unha prioridade para o Goberno galego.
Co acordo asinado hoxe, Ames pasa a formar parte da rede de localidades que xa colaboran coa Xunta na cesión de solo para o desenvolvemento de vivenda pública. Esta rede inclúe concellos como Pontevedra, Lugo, Teo, Lalín, A Estrada ou A Coruña (nesta última, asinouse recentemente un protocolo para a construción dun cento de vivendas). Segundo anunciou a conselleira, estanse a ultimar tamén acordos con Sanxenxo, Carballo, Narón, Vilagarcía de Arousa, San Cibrao das Viñas ou Bueu, que permitiría sumar outras 221 vivendas ás xa compartidas.
En total, Galicia ten en marcha máis de 2.200 vivendas públicas en diferentes fases de execución, un esforzo sen precedentes na Comunidade. O obxectivo marcado pola Xunta nesta lexislatura é dobrar o parque público residencial, pasando das 4.000 ás 8.000 vivendas, e o Goberno galego avanza cara a esa meta apoiándose en fondos europeos, na industrialización do sector da construción e na aposta pola sustentabilidade.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou que esta política de vivenda non só busca dar resposta ás necesidades residenciais, senón que tamén pretende garantir a cohesión social, fixar poboación, atraer talento e asegurar igualdade de oportunidades. A vivenda pública, subliñou, aspira a ser un referente de calidade, eficiencia enerxética e integración no entorno urbano.
Allegue concluíu a súa visita reafirmando o compromiso do Goberno autonómico coa creación de fogares accesibles e sostibles alí onde máis se precisan, e expresou a súa confianza en que o proxecto asinado hoxe en Ames se materialice pronto en vivendas reais ao servizo da cidadanía.