A conselleira María Martínez Allegue visita xunto á ministra Isabel Rodríguez as obras dun inmoble para 24 vivendas públicas que a Xunta executa no Castiñeiriño, en Santiago
- Compartir
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou xunto á ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, as obras do edificio para 24 vivendas de promoción pública que a Xunta está a construír no Castiñeiriño, en Santiago de Compostela. O investimento total ascende a 5,5 millóns de euros, dos que 4,3 son financiados pola Administración autonómica e os restantes 1,2 M€ corresponden a fondos europeos MRR.
En Santiago, a Xunta está a construír neste momento outros dous edificios en Lamas de Abade para vivendas públicas (24 e 12), cun investimento total de 7,6 millóns de euros, dos que a Xunta asume 5,9 e os restantes 1,7 millóns corresponden a fondos europeos.
Ademais, a Xunta está a redactar o proxecto para un inmoble para 60 aloxamentos compartidos e temporais para menores de 36 anos nunha parcela en Xoán XXIII.
Por outra banda, no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial, a Xunta acaba de adxudicar a redacción do Proxecto de Interese Autonómico no ámbito de Mallou, no norte da cidade, onde se desenvolverá solo para unha estimación 3.460 vivendas.