A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asistiu xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, ao sorteo dos futuros fogares
A Xunta adxudica de xeito provisional as 74 vivendas públicas de Valdecorvos, a metade destinadas a menores de 36 anos
O sorteo celebrado na Delegación Territorial da Xunta realizouse entre todos os inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda
A conselleira subliñou o compromiso da Xunta “para apoiar á mocidade e facilitar a súa emancipación”, coa medida de destinar a metade destes novos fogares a menores de 36 anos
En Valdecorvos a Xunta ten en marcha na actualidade 236 vivendas de promoción pública
Allegue anunciou que hoxe se licita a redacción do proxecto para 53 novas vivendas na parcela de Tafisa cedida polo Concello
- Compartir
Pontevedra, 18 de xuño de 2025
A Xunta vén de adxudicar de xeito provisional as 74 vivendas de promoción pública que está a construír no barrio pontevedrés de Valdecorvos. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, asistiu hoxe ao acto do sorteo celebrado no Edificio Administrativo da Xunta, e subliñou que a metade destas vivendas, que se adxudican en réxime de alugueiro, está destinada a menores de 36 anos.
Allegue subliñou neste senso o compromiso do Goberno galego “para apoiar con medidas como esta á mocidade e facilitarlles así a súa emancipación”, no marco do obxectivo que se marca a Xunta para “facilitar vivenda digna, accesible e de calidade aos galegos e galegas”.
Este de Pontevedra é o segundo sorteo de vivenda pública na actual lexislatura, despois do celebrado en Santiago, e optaron ás vivendas un total de 1.503 persoas.
As 74 vivendas que está a construír a Xunta en Valdecorvos, cuxo remate se prevé para finais do primeiro trimestre do 2026, distribúense en 4 bloques de baixo, catro alturas e baixo cuberta. Delas, 20 vivendas serán de 2 dormitorios, 50 de 3 dormitorios e 4 de 4, e adxudícanse en réxime de alugueiro accesible. Cada un dos novos fogares leva vinculada unha praza de garaxe e un rocho. Entre as vivendas de 2 dormitorios, hai 3 destinadas a persoas con mobilidade reducida e nas que contan con 3 dormitorios, unha vivenda.
Trala celebración do sorteo, publicarase a lista provisional de admitidos e hai un prazo de 10 días para presentar reclamacións. Posteriormente, será a área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo o que determinará a asignación de vivenda, e finalmente as persoas adxudicatarias definitivas deben aceptar ou renunciar. O prezo do alugueiro será accesible, en función das condicións particulares dos adxudicatarios.
Outras promocións
En Valdecorvos, a Xunta ten en marcha na actualidade 236 vivendas de promoción pública. Ademais das 74 en construción, están xa en fase de supervisión os proxectos para outras 104 vivendas, 56 na parcela P14 e 48 na P17, estas últimas tamén destinadas a alugueiro. Así mesmo, está adxudicada a redacción dos proxectos para converter 4 baixos en vivendas e a maiores licitada a redacción do proxecto para outras 54 vivendas na parcela P19.
Por outra banda, a conselleira anunciou que hoxe se licita a redacción do proxecto para a construción doutras 53 vivendas públicas na parcela de Tafisa, cedida polo Concello. Neste senso, Allegue quixo poñer en valor “a colaboración” coa Administración local para facilitar máis solo onde construír vivenda.
A Xunta ten licitada tamén a redacción do proxecto para outras 11 vivendas na parcela das Devesas, cedida igualmente polo Concello.