O presidente do Goberno galego desprazouse ao barrio vigués de Navia para o remate das obras do Polígono 1, cifradas en 16,5 millóns de euros
Rueda reivindica en Vigo a acción urbanística da Xunta como motor de benestar e futuro
A urbanización do Polígono 2 comezará nos próximos días, unha vez adxudicadas as obras cun orzamento de 16,3 millóns
Esta intervención enmárcase no compromiso da Xunta por duplicar o parque de vivenda público, de 4.000 a 8.000 vivendas, durante esta lexislatura
- Compartir
Vigo, 18 de xuño de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, desprazouse hoxe ao barrio vigués de Navia para comprobar o avance da ampliación urbanística promovida polo Goberno galego, nun acto no que destacou a firme aposta da Xunta por transformar a vivenda pública nun dereito real e accesible para todos os cidadáns: “Vivenda con todas as letras. Vivendas de calidade, vivendas dignas, vivendas que sexan, en moitos casos, para toda a vida”, apuntou. Rueda fixo balance das actuacións xa executadas e avanzou os próximos pasos que consolidan a transformación deste barrio como referente urbanístico en Galicia.
O titular do Goberno autonómico salientou a finalización das obras do Polígono 1 da ampliación de Navia, cun investimento de preto de 16,5 millóns de euros. As intervencións incluíron a urbanización completa da zona, redes de saneamento, abastecemento e iluminación, instalacións de gas e enerxía eléctrica, así como traballos de xardinería e seguridade viaria. Todo isto, segundo subliñou, co obxectivo de crear espazos pensados para a vida cotiá e para o futuro da veciñanza: “Isto que seguimos desenvolvendo, contribúe a facer barrio, a facer cidade, e a seguir desenvolvendo algo tan importante como é o dereito á vivenda”, salientou o presidente.
Ademais, a urbanización do Polígono 2 comezará nos próximos días, cando se adxudiquen as obras cun orzamento de 16,3 millóns de euros. Esta nova fase permitirá continuar avanzando cara unha ampliación completa do barrio, en liña coa planificación do Executivo autonómico: “Nós levamos xa un par de anos facendo para cumprir un compromiso que non é nada sinxelo. Depende de nós, temos que facelas, e este é un exemplo”, destacou.
A intervención en Navia forma parte dunha estratexia máis ampla para duplicar o parque público de vivenda en Galicia durante a presente lexislatura, pasando das 4.000 ás 8.000 vivendas. Neste contexto, Vigo conta xa con preto dun milleiro de vivendas públicas impulsadas pola Xunta en diferentes estados de execución, entre elas 80 aloxamentos compartidos e temporais destinados expresamente a menores de 36 anos. En total, hai en execución máis de 2.200 vivendas en todo o territorio galego.
O presidente puxo en valor o compromiso económico da Xunta con Navia, que supera os 248 millóns de euros, dos cales máis da metade están xa en execución: “Hai moitos que teorizan sobre vivenda, e eu prefiro que nos dediquemos a cumprir realidades. Estámolo facendo en todas as cidades de Galicia e en moitos concellos”, remarcou Rueda. Con todo, subliñou que a actuación neste barrio e só un exemplo da aposta da Xunta en Vigo. Nos últimos anos, esta aposta concretouse en proxectos estratéxicos como o Hospital Álvaro Cunqueiro, a Cidade da Xustiza ou a colaboración na EDAR do Lagares; e que conta con iniciativas en marcha como o propio IES de Navia, o impulso ao futuro Centro de Asociacionismo, o CIS Olimpia Valencia ou a senda litoral entre Bouzas e Beiramar.
Rueda recalcou que estas actuacións responden a unha visión de futuro baseada na planificación, a execución, o investimento e o cumprimento dos compromisos adquiridos coa cidadanía, cun modelo impulsado desde a Xunta que aposta por cidades sostibles, integradas no territorio, con zonas verdes e espazos de convivencia, axustándose así ás necesidades reais da cidadanía e contribuíndo a mellorar a calidade de vida dos veciños: “Aquí está unha parte da solución, coa que contribuímos a cumprir a nosa obriga, que é para o que estamos aquí e para o que a xente nos dá a súa confianza”, rematou o presidente.