A Xunta recibiu oito ofertas para a redacción dos proxectos para construír 71 vivendas públicas nos concellos de Lalín, A Estrada e Teo
Vipugal licitou tres contratos, un por municipio, para e redacción de proxecto e dirección de obra para estas vivendas que se construirán en parcelas cedidas por estes concellos, por un orzamento total de preto de 665.000 euros
No caso de Lalín construiranse 17 vivendas públicas, mentres que na Estrada prevese promover 28 e, en Teo, 26
- Compartir
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) recibiu oito ofertas de empresas para a redacción dos proxectos básico e de execución e da dirección de obra para a construción de 71 vivendas de promoción pública en solos cedidos polos concellos de Lalín, A Estrada e Teo.
A Xunta licitou estes contratos, un por municipio, o pasado mes de maio, e as empresas adxudicatarias disporán dun prazo de cinco meses para a elaboración dos proxectos.
En concreto, para a redacción do proxecto de construción de 26 vivendas en Teo recibíronse dúas ofertas de empresa. Tratase de impulsar novas vivendas protexidas nunha parcela situada na rúa Cernadelo, na zona das Galanas-Calo, que ten unha superficie de 1.985 metros cadrados. O orzamento de licitación para a elaboración deste proxecto ascende a 259.224€.
No caso do concello da Estrada, recibíronse tres ofertas de empresas para a creación de 28 novas vivendas públicas nunha parcela de 1.451 metros cadrados, concretamente na avenida de Vigo, e o contrato para a redacción deste proxecto conta cun orzamento de 257.083€.
Ademais, en Lalín o Concello cedeu unha parcela na Rolda Leste-Agro de Lalín de Arriba, de 641 metros cadrados, na que se prevén crear 17 vivendas de promoción pública. Neste caso, a Xunta recibiu tamén tres ofertas para a redacción do proxecto licitado por un investimento de 148.241€.
O departamento que dirixe María M. Allegue segue a dar pasos para duplicar nesta lexislatura o parque público residencial e acadar 4.000 novas vivendas. Neste momento, xa ten en marcha máis de 2.000 vivendas nas cidades de Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago, Ourense, Lugo ou Ferrol.
Ademais, a Xunta tamén ten en marcha a primeira fase da Estratexia Galega de Solo Residencial, coa que busca, en colaboración cos concellos, facilitar solo destinado á construción de 25.000 vivendas, 20.000 protexidas e 5.000 libres.