A Xunta entrega dúas vivendas de promoción pública no concello da Pastoriza
- Compartir
A Pastoriza (Lugo), 16 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, entregou esta mañá as chaves de dúas vivendas de promoción pública situadas no lugar da Igrexa, en Reigosa, no concello da Pastoriza. Os inmobles foron adxudicados en réxime de alugueiro. Teñen unha superficie de 90 metros cadrados e contan con tres dormitorios e praza de garaxe.
Arias destacou que “unha das nosas prioridades é facilitar o acceso a un fogar ás persoas que o demandan e o necesitan, tamén no rural” e, nese senso, lembrou que o Goberno galego está a impulsar a rehabilitación ou construción de inmobles para promocións públicas, ademais de distintas liñas de axudas para a compra ou o arrendamento.
Explicou ademais que para optar ás vivendas de promoción pública autonómica é necesario inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia, un trámite que se pode realizar en calquera momento do ano. As solicitudes poden efectuarse a través da sede electrónica da Xunta ou de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.