A Xunta e o Colexio de Rexistradores da Propiedade de Galicia abordan os requisitos para edificar no solo rústico
A Dirección xeral de Urbanismo, xunto co Decanato do Colexio de Rexistradores da Propiedade, Mercantís e Bens Mobles de Galicia, redacta unha circular interpretativa coa que dar seguridade xurídica e facilitar a implantación de usos no solo rústico
Trátase de facilitar a implantación nunha mesma parcela doutros usos admisibles no solo rústico, potenciando os usos económicos nesta clase de solo, sen contradición coa protección e preservación dos seus valores
- Compartir
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2025
A Dirección xeral de Urbanismo mantivo hoxe unha reunión co Decanato do Colexio de Rexistradores da Propiedade, Mercantís e Bens Mobles de Galicia, na que se consensuaron os criterios aplicables aos distintos supostos da aplicación da normativa urbanística vixente, e máis especificamente os vencellados á edificación no solo rústico.
Trátase de dar resposta ás dúbidas formuladas por concellos e particulares referidas ás autorizacións autonómicas e títulos outorgados segundo a normativa urbanística anterior, a derrogada Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que esixían para implantar usos no solo rústico, entre outros requisitos, facer constar no Rexistro da Propiedade a vinculación da superficie total do predio á construción e uso autorizados.
Deste xeito, a vinculación rexistral impedía outros usos na mesma parcela na que xa se tivese implantado, por exemplo, unha explotación agropecuaria ou de primeira transformación como unha adega ou queixería, quedando a totalidade da parcela vinculada polo uso implantado.
Consciente desa problemática, na actualidade a normativa urbanística vixente, a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, limita esa vinculación á superficie esixible para implantar o uso (superficie mínima de 2.000m2) e non da totalidade da parcela.
Trátase así de clarificar o mecanismo de modificación das autorizacións inscritas no Rexistro da Propiedade e así permitir implantar outros usos posibles en parcelas que polas súas dimensións poden albergalos. A este respecto, enténdese que non existe inconveniente en aplicar esa nova condición que resulta máis beneficiosa, xa que permitirá implantar na parcela outros usos admisibles no solo rústico, que foi precisamente o que motivou a modificación da lexislación urbanística.
A tal efecto, será necesario presentar unha instancia do titular da finca xunto coa certificación administrativa na que conste literalmente o acordo adoptado, certificación que haberá de ser emitida pola administración autonómica ou municipal, en función das súas respectivas competencias para a implantación do uso na actualidade.
A directora xeral de Urbanismo incidiu en que se ben é certo que estas cuestións derivan da aplicación da normativa urbanística en vigor, exceden do contido e interpretación da mesma, por tratarse de aspectos directamente vinculados coa normativa rexistral e hipotecaria, o que motivou a solicitude de colaboración do Decanato dos Rexistradores da Propiedade, Mercantís e Bens Mobles de Galicia, co fin de elaborar unha circular interpretativa e poder trasladar o criterio acordado aos concellos e demais axentes e operadores técnicos e xurídicos que desenvolven as súas funcións no eido do urbanismo, avanzando na consecución dunha maior seguridade xurídica.
A directora xeral de Urbanismo. Encarnación Rivas, agradeceu a valiosa colaboración que o Colexio de Rexistradores presta coa máxima axilidade e rigor cada vez que é requirido dende a Xunta.