A Xunta licita por máis 2 M€ as obras de renovación do firme en tres estradas autonómicas ao seu paso por oito concellos do sur da provincia de Pontevedra
Acondicionarase o firme en varios treitos das estradas PO-402, PO-253 e PO-354, que discorren polos concellos de Ponteareas, Pazos de Borbén, A Guarda, O Rosal, Oia, Salvaterra do Miño, As Neves e Mondariz
Os traballos consistirán na rehabilitación superficial do firme destas estradas, con actuacións, restaurando as características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade
Prevese tamén a execución dalgún elemento de seguridade viaria, como pasos de peóns elevados o lombos de asno na PO-402, nos núcleos de Corzáns e de Leirado; e na estrada PO-253, no núcleo de Fozara
O prazo de presentación de ofertas por parte das empresas remata o 30 de xuño
O departamento que dirixe maría M. Allegue continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando neste exercicio 68 M€ á súa conservación
- Compartir
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou por importe de 2.008.480 euros as obras de mellora do firme en tres estradas autonómicas ao seu paso por oito concellos do sur da provincia de Pontevedra.
O obxectivo é levar a cabo unha renovación do firme para o mantemento e conservación das estradas PO-253, que circula desde Ponteareas a Pazos de Borbén; PO-354, que comunica A Guarda ata Oia, pasando polo Rosal; e a PO-402, que une Salvaterra do Miño e Mondariz, pasando por As Neves e Ponteareas.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia ten publicado xa esta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 30 de xuño. Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.
As intervencións consistirán na rehabilitación superficial do firme destas estradas, con actuacións que inclúen a restauración ou mellora das características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.
En concreto, as obras incluirán a reparación de zonas de firme danado mediante fresados localizados e reposición dunha capa de firme; selado de fisuras lineais con mestura bituminosa, renovación e homoxeneización da rodadura. A maiores, defínense unha serie de actuacións complementarias necesarias para a correcta execución dos traballos, como é a reposición de marcas viarias (liñas continuas e descontinuas, cebras, símbolos e resaltes) nos tramos onde se renove a capa de rodaxe e nos tramos onde a xa existente perdeu as súas prestacións. Tamén se prevé a colocación de elementos de sinalización (captafaros, bandas transversais de alerta) nos tramos onde se renove a capa de rodaxe e naqueloutros onde se require a súa reposición; así como a e execución dalgún elemento de seguridade vial, como pasos de peóns elevados o lombos de asno
En concreto, ademais das actuacións que melloran as cualidades do firme, proxectouse a execución de pasos de peóns sobreelevados en zonas de especial presenza peonil, servindo como elemento de calmado do tráfico. Os puntos elixidos para estas actuacións sitúanse na estrada PO-402, nos núcleos de Corzáns (arredor do quilómetro 2+900) e de Leirado (arredor do quilómetro 5+400).
Tamén se propón a execución de resaltos de lombo de asno para o control da velocidade de circulación na estrada PO-253, no núcleo de Fozara (arredor do quilómetro 3+500).
O departamento que dirixe María M. Allegue segue a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando neste exercicio 68 M€ á súa conservación.