O Consorcio Casco Vello avanza na rehabilitación do edificio da rúa Hortas, baixo o Castelo de San Sebastián, para sacar a concurso dúas novas vivendas
A delegada territorial da Xunta e presidenta do CCVV, Ana Ortiz, visitou este luns a “emblemática” obra do Casco Vello Alto
- Compartir
Vigo, 2 de xuño de 2025
A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello (CCVV), Ana Ortiz, visitou este luns a rehabilitación que o organismo autónomo leva a cabo na confluencia das rúas Hortas e San Sebastián, en pleno barrio histórico alto da cidade.
A representante autonómica informou do avance nas obras de reforma do edificio e sinalou que “moi pronto contaremos cun edificio emblemático do Casco Vello pola súa situación, baixo o castelo de San Sebastián, e polas súas dimensións”. Ortiz apuntou que a obra, que comezou a primeiros de ano, está moi adelantada e servirá para sacar a concurso dúas novas vivendas de protección autonómica.
O proxecto, que se licitou por un importe de 716.241,25 euros (IVE incluído), adxudicouse por 650.000 euros á empresa Castroferro. Cun prazo de execución de doce meses, a parcela ten unha superficie de 180 metros cadrados e a compra do inmoble supuxo outros 188.000 euros.
Locais con actividade empresarial
Por outra banda, tras a adxudicación do baixo comercial da rúa Elduayen 31, o Consorcio xa dispón de 30 locais con actividade empresarial no Casco Vello, desde artesanos a autónomos, profesionais liberais, editorais e colectivos culturais. Outros seis locais reformados polo CCVV pertencen a asociacións empresariais e a opcións de compra exercidas polo inquilino, ademais do Rexistro Civil adquirido poloa Consellería de Presidencia.
O Consorcio xa levara a cabo en xuño de 2022 o concurso de alugueiro de vinte locais con prezos que ían dos 70 euros (rúa San Sebastián, 8) o máis barato ata os 255 euros o máis caro (Subida á Costa, 5). Catro dos baixos comerciais concentraron a maioría do centenar de ofertas e recibiron un total de 44 propostas.