Belén do Campo lembra que ata o 8 de xullo está aberta a convocatoria de axudas para a mellora da eficiencia enerxética en vivendas
A delegada da Xunta visitou en Trazo unha das vivendas beneficiada, o ano pasado, por estas achegas o que permitiu renovar a envolvente da súa cuberta
Os inmobles para os que se solicite o financiamento deberán ser o domicilio habitual dos seus propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios
Subvencionarase o 40 % do custe das actuacións, cun límite de 3.000 euros por vivenda, sendo o custe mínimo da actuación igual ou superior aos 1.000 €
As obras deben acadar unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable de, alo menos, o 30%
- Compartir
Trazo (A Coruña), 26 de maio de 2025
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez, e pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, lembrou que, ata o 8 de xullo, está aberta a convocatoria para solicitar as axudas, en concorrencia non competitiva, de mellora da eficiencia enerxética en vivenda, xa sexan unifamiliares ou pertencentes a edificios plurifamiliares, que contan cun orzamento global que rolda os 2,2 millóns de euros.
A representante do Goberno autonómico fixo estas declaracións durante unha visita a unha das vivendas beneficiadas, o ano pasado, por estas axudas coas que levou a cabo a súa rehabilitación enerxética mediante a mellora da envolvente da vivenda coa colocación de illamento na cuberta nun inmoble unifamiliar no concello de Trazo en Viaño Grande.
Neste senso, informou que na comarca de Ordes recibiron tamén estas achegas outros dous veciños do concello de Oroso. Na provincia da Coruña repartíronse, no 2024, 414 axudas desta orde por un importe de case 1,2 millóns de euros.
Belén do Campo explicou que, a través desta convocatoria, de carácter plurianual, se convocan as axudas de mellora da eficiencia enerxética de vivendas, dirixidas principalmente, á mellora das carpinterías exteriores. Tamén consideraranse subvencionables as actuacións de modificación ou substitución de elementos construtivos da envolvente térmica para adecuar as súas características aos valores límite de transmitancia térmica e de permeabilidade ao aire. As obras deben acadar unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable de, alo menos, o 30%
Estes apoios, contan co financiamento de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resilencia, diríxense ás persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias de vivendas para o seu o domicilio habitual e permanente no momento de solicitar a axuda.
O prazo para executar as obras non poderá exceder de doce meses, contados desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda. En todo caso, as intervencións obxecto de financiamento a través deste programa deberán estar finalizadas antes do día 30 de xuño de 2026.
Entre 2021 e 2024 concedéronse en Galicia axudas para a mellora da eficiencia enerxética de 3.792 vivendas por importe de 10,5 millóns de euros.