A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta, Javier Arias, asinou hoxe co alcalde de Lugo o convenio para a cesión de parcelas onde se construirá vivenda protexida
A Xunta acada solo para construír 137 vivendas protexidas a través dunha permuta co Concello de Lugo
Nunha destas parcelas, na rúa Illa Coelleira, construirase un inmoble para aloxamentos compartidos e temporais, cuxa redacción do proxecto sae hoxe a licitación por 304.508€
A través da permuta de parcelas asinada hoxe, a Xunta acada seis parcelas onde se prevén un total de 137 vivendas de promoción pública, cunha estimación de 20,9M€ de investimento
Allegue subliñou o exemplo de colaboración institucional que supón o convenio da permuta asinado hoxe, “que permite ofrecer solucións reais aos retos da vivenda en Lugo”
- Compartir
Lugo, 28 de maio de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asinou hoxe co alcalde de Lugo, Miguel Fernández, a permuta pola que a Xunta acada seis parcelas onde se prevén construír 137 vivendas de promoción pública. Nunha destas parcelas, na rúa Illa Coelleira, a Xunta construirá o terceiro dos inmobles para aloxamentos temporais e compartidos para menores de 36 anos, no que se prevén 50 vivendas. A licitación da redacción do proxecto deste edificio publicouse hoxe na Plataforma de contratos de Galicia, por un importe de 304.508€.
Allegue salientou a importancia da sinatura deste convenio de permuta de parcelas entre a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo, “unha sinatura que é un exemplo claro de como a colaboración institucional permite avanzar con proxectos ambiciosos, sólidos e con marcado carácter social que supoñen solucións reais para a cidadanía”.
O inmoble de aloxamentos incluirá espazos comúns, zonas para o teletraballo, aparcadoiro para coches e bicicletas e lavandería, e está destinado a mozos e mozas que precisen unha solución transitoria por estudios, contratos de doutoramento ou bolsas. M. Allegue destacou que o Goberno galego xa ten 2 inmobles de aloxamentos compartidos en marcha, un en Santiago e outro en Vigo.
A titular de Vivenda e Infraestruturas sinalou que a Xunta ten en previsión construír un total de 87 vivendas protexidas máis nas rúas Paradai de Arriba e Ángelo Colocci, nas parcelas que agora pasarán a ser propiedade do Goberno galego, mostrando de novo “o compromiso firme da Xunta coa cidade de Lugo”.
Por último, M. Allegue recordou que no barrio de Garabolos estanse a executar 4 inmobles que suporán máis de 460 vivendas protexidas, e no centro histórico, na rúa Catedral 18 e 22, estanse a rehabilitar 2 edificios no marco do programa Rexurbe, para 2 fogares. Ademais, a Xunta ten marcha o concurso de ideas para a rehabilitación do Pazo de Dona Urraca e todo o ámbito do UI-8 da Tinería, impulsando así unha revitalización integral do casco histórico.