A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, visitou esta mañá o Concello das Pontes
As Pontes, primeiro concello en adherirse ao programa da Xunta para mobilizar solos de titularidade municipal para a construción de vivenda protexida
Esta iniciativa da Xunta trata de axilizar a construción de vivenda protexida en solos de titularidade municipal, tanto en réxime de venda como en alugueiro
A Xunta sacará a concurso público en réxime de libre concorrencia dúas parcelas de titularidade municipal para a construción de fogares protexidos tanto en réxime de alugueiro como de venda.
Allegue recorda que o prazo para adherirse ao programa estará aberto indefinidamente
- Compartir
As Pontes (A Coruña), 27 de maio de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, vén de asinar no Concello das Pontes o primeiro convenio enmarcado no Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida. Así, a Xunta pon a disposición do concello pontés a nova ferramenta que lle outorga apoio técnico para ofertar, mediante concurso público, as parcelas da súa titularidade para a construción de vivendas protexidas.
Martínez Allegue agradeceu ao alcalde a súa boa disposición e destacou que en apenas 15 días de vixencia, o programa está a suscitar o interese de varios concellos. A titular de Vivenda e Infraestruturas animou ás administracións locais a sumarse a esta ferramenta e así colaborar coa Xunta para atallar o problema do acceso da vivenda xa que é “unha responsabilidade compartida na que todos temos competencia”.
Deste xeito, a Xunta sacará a concurso público en réxime de libre concorrencia dúas parcelas de titularidade municipal para a construción de fogares protexidos tanto en réxime de alugueiro como de venda. Ademais, deste xeito, facilitarase a información aos promotores, cooperativas e á cidadanía, en xeral, sobre os solos dispoñibles.
O Goberno galego, a través do IGVS, tamén se encargará da redacción dos pregos de bases, os anuncios de licitación, a mesa de contratación e a valoración técnica das ofertas, de maneira que o Concello só terá que ditar a resolución de adxudicación, ademais de participar na mesa de contratación.
A conselleira recordou que o prazo para adherirse a este programa permanecerá aberto indefinidamente.