A Xunta inicia o procedemento para adxudicar as 74 vivendas públicas en construción en Valdecorvos, en Pontevedra, e sitúa o sorteo para o 18 de xuño
Hoxe reuniuse a Comisión Provincial de Vivenda, que acordou a celebración do sorteo
Estas novas vivendas estarán listas a principios do 2026 e un 50% estarán destinadas a alugueiro accesible para menores de 36 anos
O Goberno galego xa ten 236 vivendas públicas en marcha neste barrio pontevedrés
- Compartir
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2025
A Xunta sorteará o 18 de xuño as 74 vivendas públicas que está a construír no barrio de Valdecorvos, en Pontevedra. Hoxe iniciouse o procedemento de adxudicación coa convocatoria da sesión da Comisión Provincial de Vivenda, que acordou a celebración deste sorteo entre as persoas inscritas no rexistro de demandantes xa para o vindeiro mes, aínda que a finalización das obras prevese para o 2026.
O investimento ascende a 14,2M€, dos que un 25% son fondos europeos. As 74 vivendas sitúanse no Polígono B1 e un 50% delas serán para alugueiro accesible para menores de 36 anos. Delas, 50 vivendas serán de 3 dormitorios, mentres que outras 4 terán 4 habitacións e as restantes 20 serán de 2 dormitorios.
Os inmobles en marcha son parte da aposta que a Xunta está a realizar en Valdecorvos, onde xa están en marcha 236 vivendas públicas. Así, ademais destas 74 vpp estanse a redactar os proxectos para outros inmobles de 56 e 48 vivendas e sumaranse outras 4 máis a través da conversión de baixos a vivendas.
Ademais, unha vez formalizada a cesión de tres parcelas en Valdecorvos e as rúas Ernestina Otero e As Devesas por parte do Concello de Pontevedra, nas que se construirán 118 vivendas, a Xunta xa iniciou os trámites para habilitar as 54 primeiras vpp. Así, o Consello da Xunta autorizou onte, luns 19, a licitación por case 450.000 euros da redacción do proxecto para construír os fogares no polígono B1, en Valdecorvos.
Por outra banda, nos vindeiros días adxudicarase a redacción do Proxecto de Interese Autonómico para desenvolver solo no ámbito de San Amaro para 2.040 vivendas, no marco da Estratexia Galego do Solo Residencial.