A Xunta licita por máis de 252.000 euros as obras para a reforma da contorna do edificio do mercado, no concello de Oia
A intervención enmárcase no Plan Hurbe e suporá a remodelación da zona contigua ao edificio do mercado, mediante a intervención nos acabados, mobiliario, sinalizacións e iluminación, cun deseño integrado e respectuoso coa contorna
- Compartir
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou hoxe un importe de 252.023 euros as obras de acondicionamento da contorna do edificio do mercado, no concello de Oia.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación, establecendo un prazo de presentación de ofertas que finalizará o vindeiro 16 de xuño. As obras terán un prazo de execución de 3 meses.
Os traballos obxecto deste contrato consistirán na remodelación integral da zona contigua ao edificio do mercado, mediante a intervención nos acabados, mobiliario, sinalizacións e iluminación, cun deseño plenamente integrado e respectuoso coa contorna.
Así mesmo, completarase a intervención coa renovación de servizos na zona: rede de pluviais, saneamento, abastecemento, electricidade e iluminación. Inclúese tamén un sistema de reutilización da auga pluvial e o soterrado das liñas aéreas eléctricas e de telefonía.
As obras suporán un investimento total de preto de 290.000 euros e enmárcanse nun convenio de colaboración ao abeiro do Plan Hurbe, co que a Xunta colabora coas administracións locais para financiar intervencións de mellora contornas urbanas e accesibilidade. Baixo este acordo, a Xunta asumirá o 70% do orzamento desta intervención, e o Concello de Oia achegará o 30% restante.