A Xunta recibe sete ofertas para a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 75 vivendas en Navia, Vigo
A licitación deste contrato, financiado integramente con fondos propios da Xunta, rolda os 680.000 euros
- Compartir
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), vén de recibir sete ofertas para a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 75 vivendas de promoción pública (VPP) no barrio de Navia, no concello de Vigo.
A licitación deste contrato, financiado integramente con fondos propios da Xunta, rolda os 680.000 euros, e inclúe os servizos de redacción do proxecto básico e de dirección de obra para a construción destas 75 VPP, garaxes, rochos e locais en dúas parcelas de San Paio de Navia. En concreto, as dúas novas edificacións, que albergarán 18 e 57 vivendas, estarán situadas na parcela MIIIB3, que conta cunha superficie de 1.080 metros cadrados, e na MIIIB4, que ten unha superficie de 1.906 m2.
O Goberno galego mantén o ritmo de traballo para duplicar o parque público de vivenda en Galicia nesta lexislatura, ata chegar ás 8.000, tendo neste momento xa en marcha máis de 2.200 vivendas en distintas fases de tramitación e execución.