A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera Ocampo, visitou hoxe en Sanxenxo unha parcela de titularidade municipal para vivendas de promoción pública
M. Allegue anuncia a construción de 25 viviendas de promoción pública en Sanxenxo nunha parcela cedida polo concello
M. Allegue agradeceu ao Concello de Sanxenxo a súa colaboración e implicación no reto de aumentar o parque público de vivenda residencial
A conselleira subliña que xa está en marcha a tramitación administrativa para poder comezar a construír este inmoble en Noalla o antes posible
- Compartir
Sanxenxo (Pontevedra), 13 de maio de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera Ocampo, e o secretario xeral de Vivenda, Heriberto García Porto, visitou unha parcela de titularidade municipal ubicada no lugar de Noalla, que será cedida á Xunta para construír vivendas de promoción pública en Sanxenxo.
M. Allegue subliñou que o obxectivo da Xunta é licitar e así poder comezar a construír o novo inmoble de 25 vivendas o antes posible, unha vez que xa se realizaron os pertinentes estudos técnicos da parcela, de 2.655 m2, e que nos próximos días se firmará o acordo de cesión do solo co Concello.
A conselleira destacou que atallar o problema da vivenda é un reto compartido co resto das administracións e agradeceu ao Concello de Sanxenxo a súa colaboración e implicación, porque “todos temos competencia nesta materia e, polo tanto, a obriga de dar resposta á cidadanía”.
Lembrou que a Xunta está a ofrecer ferramentas as administracións locais para darlles máis ferramentas de cara a ampliar o parque público residencial, como o novo Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida, co que poderán sacar a concurso as súas parcelas coa axuda técnica do IGVS, e facilitar así a construción de vivenda protexida.
Neste sentido, o Goberno galego activará proximamente o novo fondo de cooperación para conceder préstamos sen xuros aos concellos, de cara a fomentar a construción de vivendas para alugueiro accesible, cun investimento de 10M€.