Rueda avalía as inversións da Xunta na cidade e provincia de Lugo en áreas como a educación, a vivenda ou o saneamento
Realizáronse obras nunha vintena de centros escolares da cidade ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica por máis de 14 M€ e estase a rehabilitar o IES Lucus Augusti
Destaca que o Goberno autonómico puxo en marcha 519 vivendas protexidas no último ano
Están en marcha diferentes actuacións para mellorar as redes de abastecemento, saneamento e depuración de augas na provincia en que se invisten máis de 36 M€
Lembra que a Xunta destina case 14 M€ á futura estación intermodal
A reforma do estadio Anxo Carro, na cal se inviste 3,8 M€, estará rematada para a tempada 2026-2027
O Goberno autonómico achega 6 M€ para melloras nas infraestruturas portuarias da Mariña
- Compartir
Lugo, 12 de maio de 2025
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, avaliou hoxe informes de diferentes departamentos autonómicos que dan conta dos últimos compromisos e investimentos levados a cabo polo Executivo galego na cidade e provincia de Lugo e que “suman máis de 100 millóns de euros”, entre actuacións xa rematadas, en execución ou que se van iniciar nos vindeiros meses.
Tal e como destacou o presidente, no eido educativo Lugo é unha das cidades galegas onde máis se ten intervido no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica, “máis de 14 millóns de euros nunha vintena de obras” en centros escolares da cidade. Ademais, na actualidade, a Xunta está a executar a rehabilitación integral dun dos edificios máis senlleiros da cidade, o conxunto histórico do IES Lucus Augusti, cun investimento de 3,3 millóns de euros. Está previsto que as obras estean rematadas para o inicio do vindeiro curso 2025/26.
A isto hai que engadir outras actuacións xa rematadas como a da central de biomasa que dá servizo a varios edificios públicos (2,2 millóns), o novo edificio de cociñas de FP do Instituto IES Sanxillao (1,8 millóns), a rehabilitación integral do Instituto IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (1,6 millóns) e do Instituto IES Ánxel Fole (1,4 millóns), o novo edificio dos talleres de FP do CIFP Politécnico (1,2) ou a rehabilitación integral da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón (1,04M€)
Vivenda
O presidente do Executivo galego sinalou que a Xunta puxo en marcha un total de 519 vivendas de promoción pública na cidade de Lugo durante os últimos doce meses. Estes inmobles enmárcanse no compromiso do Goberno galego de “duplicar o parque público residencial nesta lexislatura” e están situadas no barrio de Garabolos. Delas, xa están adxudicadas as obras para dos edificios de 76 e 70 vivendas en dúas parcelas na rúa Paulo Fabio Máximo, en que se investirán 28,1 millóns. Os traballos iniciaranse no vindeiro mes de xuño. Ademais, está licitada a redacción dos proxectos para construír 178 e 145 vivendas noutras dúas parcelas de Garabolos.
Por outra banda, a Xunta vai construír 100 vivendas públicas nas parcelas acadadas nunha permuta co Concello de Lugo e, ao abeiro da Estratexia galega de solo residencial, avanza na adxudicación do Proxecto de interese autonómico (PIA) que permitirá desenvolver na cidade de Lugo o ámbito do barrio Sagrado Corazón. Nesta contorna prevese que se poidan construír 1.200 vivendas, a meirande parte protexidas.
Outro dos eixes de actuación que está a abordar o Goberno galego para enfrontar o reto da vivenda é a rehabilitación, centrada, no caso de Lugo, no barrio da Tinería. Nesta contorna do conxunto histórico, a Xunta xa ten rehabilitados 40 inmobles, que permitiron habilitar 96 vivendas, cun investimento ata agora de 26 millóns de euros. E a Xunta segue avanzando nesta recuperación desta zona co desenvolvemento urbanístico da UI-8, espazo situado entre a muralla e o Pazo de Dona Urraca, en que se creará unha praza pública e se construirán novas vivendas de promoción pública.
Melloras na rede de saneamento e abastecemento de auga e depuración
O Goberno autonómico continúa co seu apoio aos concellos para modernizar e mellorar as redes de abastecemento, de saneamento e a depuración da auga para ofrecer un servizo seguro e de calidade aos cidadáns. Segundo sinalou o presidente, na actualidade a Xunta conta con diferentes actuacións en marcha na provincia de Lugo que suman 36 millóns de euros: a futura EDAR de Ribadeo, cun custo de 14,8 millóns ata 2031; os traballos de construción da depuradora de Foz, por un importe de 12 millóns e con remate en 2027, ou a fase I da actuación nos colectores xerais na zona portuaria de Burela, cun orzamento de 4,4 millóns.
Melloras nas infraestruturas portuarias
Pola súa banda, a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, executa obras por importe de 6 millóns de euros nos peiraos da Mariña lucense en dous anos. O ente público destina 3,1 millóns de euros a obras en execución ou cuxo inicio se prevé para as vindeiras semanas. A esta cifra súmanse outros 2,7 millóns en obras rematadas nos últimos meses.
Na actualidade está a reforzarse o dique de abrigo do porto de Burela coa achega de 160 bloques de formigón de 56 toneladas, cun investimento de 1,8 millóns de euros. En San Cibrao acondicionaranse os 10 locais de armadores, unha obra que conta con 365.000 euros de orzamento. E, finalmente, estase a desenvolver o convenio asinado por Portos de Galicia e o Concello de Ribadeo para a mellora do acceso ao porto de Mirasol. O Concello asume a licitación e execución das obras mentres que Portos de Galicia financia os traballos por importe de 450.000 euros. Ademais, nas vindeiras semanas darán comezo os traballos de renovación de luminarias con tecnoloxía LED de control telemático que permitirá un aforro enerxético estimado do 60 % nos portos de Ribadeo, Burela e Viveiro-Celeiro cun orzamento de 315.000 euros para os tres portos. Igualmente, está previsto o inicio inminente dos traballos de renovación de firmes e pavimentos nos mesmos portos, cun investimento total de 183.000 euros.
Finalmente, o informe presentado hoxe a Consello da Xunta recolle tamén as actuacións recentemente rematadas por Portos de Galicia na Mariña lucense. Así constan a ampliación das instalacións de atracada para embarcacións menores no porto de Celeiro-Viveiro, en que o ente público investiu 650.000 euros para a dotación de 70 novas prazas. Tamén figura a dragaxe do porto de Ribadeo, que supuxo un investimento de 2 millóns de euros, e a estabilización do peirao do Vicedo, á cal se destinaron 55.000 euros para o recalzo da estrutura e pavimentación da superficie.
Por outra banda, o Consello da Xunta de hoxe tomou razón tamén do encargo do contrato para a redacción do proxecto de obras para a canalización do saneamento no porto de Celeiro-Viveiro. Estas obras están orzadas en 363.000 euros e permitirán renovar a canalización de augas na rúa do Porto en Celeiro.
Mobilidade
A Xunta avanza nas obras da estación intermodal de Lugo para dotar a cidade dunhas instalacións de transporte público modernas e accesibles, un proxecto que conta cun orzamento de 49 millóns de euros e que está a construírse a través dun convenio entre Executivo autonómico, Adif e Concello de Lugo.
Rueda sinalou que o Goberno autonómico destina “máis de 13,7 millóns de euros” á construción do aparcadoiro da estación ferroviaria -con 240 prazas e que está previsto estea rematado este ano- e á construción da terminal de autobuses, cuxas obras rematarán no cuarto trimestre de 2026.
A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes presentou tamén no Consello dous informes sobre diferentes iniciativas para fomentar o transporte público e o seu impacto na cidade de Lugo. Por unha banda, os datos de 2024, indican que máis de 10.300 veciños se beneficiaron de descontos no autobús interurbano grazas a Tarxeta +65 (5.000 usuarios) e a Tarxeta Xente Nova (máis de 5.200) que permiten viaxar de balde no transporte autonómico. En conxunto, as persoas beneficiarias de ambas as medidas en Lugo realizaron en 2024 máis de 112.100 viaxes gratuítas, e as bonificacións da Xunta para compensar a súa aplicación superaron os 286.300 euros.
E por outra parte, a Consellería de Presidencia informou hoxe sobre o balance dos tres primeiros meses do funcionamento da nova concesión de autobús entre A Coruña, Lugo e A Mariña, que rexistrou entre xaneiro e marzo máis de 100.000 usuarios. Desta cifra, destacan os 16.200 usuarios da Liña Conecta entre A Coruña e Lugo, que supoñen o 16 % do total da concesión.
Eido laboral
O Consello fixo balance hoxe do labor dos cinco Polos de emprendemento da provincia de Lugo (A Fonsagrada, Friol, Mondoñedo, Monforte de Lemos e Sarria) -dos 15 distribuídos por toda Galicia- que favoreceron a creación de 60 novas empresas desde novembro de 2022 e atenderon desde os seus inicios arredor de 900 proxectos. Deles, 630 seguen activos e son asesorados nas oficinas dos polos, se así o requiren.
Por sectores, o que predomina é a hostalaría (20 %), seguido do comercio (15 %) e os servizos (12 %). Ademais, máis dun 4 % dos proxectos atendidos son específicos de remuda, é dicir, proxectos que queren ser traspasados por diferentes motivos e aos cales o Polo facilita o match con persoas que se queren facer cargo deles, favorecendo o mantemento de negocios rendibles.
Por outra parte, no marco do proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), Rueda lembrou que a Xunta avanza na mellora da rede de oficinas de emprego da provincia de Lugo, cun investimento total que supera os 1,4 millóns de euros só para as novas sedes das oficinas de Vilalba e Sarria. No caso de Vilalba, xa están en marcha as obras de remodelación da futura sede —situada nun local propiedade da Xunta na rúa das Pedreiras, 8— por un importe de máis de 755.000 euros e cuxo remate está previsto para o último trimestre do ano. Pola súa banda, en Sarria, estase a avanzar na futura nova oficina que se localizará na rúa Formigueiros, 13, nun local tamén propiedade da Administración autonómica de 375 m². Neste caso, está prevista no segundo semestre do ano a licitación da redacción do proxecto de acondicionamento, cun orzamento estimado de 650.000 euros.
Apoio aos retornados
En relación cos programas enmarcados na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, destaca o labor da Oficina integral de asesoramento e seguimento ao retorno de Lugo. O titular do Executivo galego sinalou que desde a súa apertura en 2020, facilitou a integración social, laboral e administrativa de máis de 1.300 familias que “decidiron retornar á provincia” e atendeu máis de 3.000 consultas. Ademais, desde o ano pasado, a Oficina móbil do retorno visitou preto de 30 concellos rurais de Lugo.
Desde 2018 lévanse beneficiados preto de 800 galegos e galegas que, en moitos casos xunto ás súas familias, retornaron á provincia de Lugo cun investimento global por parte da Xunta de máis de 3 millóns de euros. Todas estas iniciativas contribúen á reactivación social e económica de concellos rurais, á incorporación de novos perfís profesionais ao tecido produtivo e ao asentamento de proxectos vitais e empresariais con perspectiva de futuro. De feito, segundo os últimos datos, retornaron galegos desde o estranxeiro a 62 concellos da provincia, o 64 % asentáronse no ámbito rural.
Eido económico
O Consello da Xunta tamén avaliou a execución do convenio de colaboración que o Goberno galego, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), e a Universidade de Santiago, por medio da Plataforma da madeira estrutural do Campus de Lugo (PEMADE), están a desenvolver para impulsar o I+D+I no sector forestal e o fomento do emprego da madeira de castiñeiro na construción. Ata a data xa se ten constatado un notable incremento no número de usuarios do software gratuíto de aproximación ao cálculo estrutural Trabe, que conta xa con máis de 2.000 usuarios, así como os avances nos ensaios de laboratorio e fabricación de prototipos mixtos con formigón e madeira co propósito de reducir a cantidade de formigón que se emprega na construción e, por extensión, a pegada de carbono.
Por outra banda, o Consello coñeceu o balance das actuacións levadas a cabo polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Fundación CEL Iniciativas por Lugo para fortalecer o ecosistema empresarial lucense a través da innovación e do emprendemento tecnolóxico. Un apoio que na actualidade se canaliza a través de dúas iniciativas: a Business Factory Aero (BFAero), a aceleradora que Igape e Fundación CEL están a desenvolver grazas ao convenio de colaboración asinado por un importe de 7,5M€ para o período 2025-2027; e unha nova fase do programa Conecta Lugo para impulsar a competitividade das pemes da provincia.
Outras actuacións
O Consello da Xunta tamén avaliou na xuntanza de hoxe o informe das actuacións financiadas pola Dirección Xeral de Administración Local dirixidas aos concellos que conforman a comarca de Lugo en 2024. En total, os oito municipios recibiron o ano pasado 671.459 euros en axudas para desenvolver un total de 19 proxectos municipais.
Por último, o Executivo autonómico coñeceu os avances na reforma do estadio Anxo Carro en que a Xunta inviste máis de 3,8 M€. A primeira e segunda fase do proxecto, que se ocuparán da bancada norte e da bancada oeste, levaranse a cabo entre xullo e setembro de 2025. A terceira fase, correspondente á bancada sur, entre agosto de 2025 e marzo de 2026. A cuarta e última fase terá lugar entre xaneiro e xuño de 2026, polo que, a actuación estará rematada para o comezo da tempada 2026/2027.