A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, presidiu hoxe a sesión constitutiva do xurado
A Xunta convoca a quinta edición dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2025 da Xunta, cunha dotación total de 35.000 euros
M. Allegue subliñou que estes galardóns buscan seguir a impulsar a excelencia da arquitectura galega “así como o talento, innovación e compromiso cun deseño de calidade que atesouran os nosos profesionais do sector”
As candidaturas poderán presentarse ata o 30 de maio e no xurado, presidido pola conselleira, figuran representantes de distintas entidades do sector
Con estes galardóns búscase recoñecer proxectos de obra nova e de rehabilitación rematados na comunidade galega entre os anos 2023 e 2024
Ademais, convócanse premios especiais para proxectos comprometidos coa sustentabilidade e para recoñecer a traxectoria profesional dun arquitecto e un arquitecto técnico
- Compartir
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2025
A Xunta abriu a convocatoria da quinta edición dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2025, cuxas candidaturas poderán presentarse ata o 30 de maio e cunha dotación total de 35.000 euros. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, presidiu hoxe a sesión constitutiva do xurado desta nova convocatoria, nun acto celebrado na sede do Instituto Galego de Vivenda e Solo.
Os premios céntranse no recoñecemento á calidade das edificacións rematadas nos anos 2023 e 2024, tanto de obra nova como de rehabilitación. Con eles, como subliñou M. Allegue, o Goberno galego busca seguir impulsando “a excelencia da nosa arquitectura, tanto en obra nova como en rehabilitación”, así como “o talento, creatividade, a innovación e o compromiso cun deseño de calidade que atesouran os nosos profesionais do sector”.
Os galardóns estrutúranse en catro categorías. Dunha banda, o Premio Galego de Arquitectura busca recoñecer obras de nova edificación ou tamén obras de ampliación que teñan entidade propia para ser valorados de forma independente á construción orixinal e o Premio Galego de Rehabilitación distinguirá intervencións de recuperación e adecuación de edificacións existentes. Entre as actuacións que non obtivesen premio poderán destacarse con mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.
Ademais, hai dúas categorías de Premios Especiais: o galardón á sustentabilidade, que destacará actuacións que supoñan a implementación dunha arquitectura responsable e respectuosa co medio ambiente, os recursos e as xeracións futuras. E o premio á traxectoria profesional busca o recoñecemento da especial contribución á arquitectura no territorio galego por parte das persoas arquitectas e aparelladoras ou arquitectas técnicas.
Todos os galardóns estarán dotados con 7.000€ e poden optar os proxectos arquitectónicos de edificación finalizados na comunidade autónoma entre o día 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2024. A presentación das distintas candidaturas será realizada polas institucións integrantes do xurado, agás o especial á traxectoria profesional 2025, que será decidido polo xurado.
Xurado
A convocatoria xa está aberta ata o 30 de maio e hoxe constituíuse o xurado, que preside a conselleira María Martínez Allegue. Ademais, forman parte do mesmo por parte da Xunta Heriberto García Porto, secretario xeral de Vivenda e Urbanismo; María Ángeles Domínguez Franjo e Ricardo Valencia Hentschel, secretaria xeral e director técnico de Solo, Edificación e Calidade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), así como María Elena Parajó Calvo, xefa do servizo de Arquitectura da Secretaría Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Ademais, a Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario estará representada no xurado por Celestino García Braña, mentres que pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, figurará o subdirector José Manuel Bermúdez Graíño e pola Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña, José Antonio Álvarez Díaz.
Tamén participarán o decano Luciano Gonzalez Alfaya polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; o vicepresidente Juan Carlos Mato Méndez polo Consello Galego de Arquitectura técnica; José Manuel Rodríguez Espiñeira pola Federación Galega da Construción e Álvaro Fernández Carballada pola Federación de Promotores de Edificación e Solo de Galicia.
Entre os profesionais galardoados nas anteriores edicións figuran Manuel Gallego Jorreto, Carlos Jorreto Veiga, Juan Creus e Covadonga Carrasco, Manuel Carbajo Capeáns, Celso Barrios Ceide, Leonardo Llamas Álvarez, José Javier Suances Pereiro Jesús Irisarri Castro, Guadalupe Piñera Manso ou Andrés Fernández-Albalat.