A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou co presidente da Asociación Fundicot convenio para o desenvolvemento deste simposio
Galicia acollerá por primeira vez o Congreso Internacional de Ordenación do Territorio (CIOT), que se celebrará en Santiago do 12 ao 15 de novembro
O simposio abordará os retos e necesidades da planificación territorial baixo o título “Cultura territorial: o futuro non se improvisa”
A cita reunirá en Santiago a expertos galegos, nacionais e doutros países que intercambiarán experiencias e coñecemento en materia de planificación territorial desde diversos enfoques
Allegue destacou que o congreso debaterá sobre modelos, iniciativas e políticas para garantir o acceso á vivenda, “e será unha magnífica oportunidade para amosar o que desde Galicia se está a planificar e desenvolver nesta materia”
- Compartir
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025
Galicia acollerá por primeira vez o Congreso Internacional de Ordenación do Territorio (CIOT), promovido pola Xunta e a Asociación Interprofesional de Ordenación do Territorio (Fundicot) e cuxa duodécima edición terá lugar do 12 ao 15 de novembro en Santiago. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada do secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, e a directora xeral de Urbanismo da Xunta, Encarnación Rivas, asinou hoxe co presidente de Fundicot, Joaquín Farinós, o convenio para a celebración deste evento, que se desenvolverá baixo o título “Cultura territorial: o futuro non se improvisa”.
A conselleira subliñou este congreso como “marco internacional de referencia” no ámbito da xestión e planificación do territorio e como plataforma para o intercambio de ideas e boas prácticas. Deste xeito, o simposio reunirá a expertos galegos, nacionais e doutros países que intercambiarán experiencias e coñecemento en materia de planificación territorial desde diversos enfoques.
M. Allegue destacou que o lema do congreso fai especial fincapé no reto dunha planificación responsable do urbanismo e da xestión territorial, “baseada no coñecemento e en estratexias adaptadas a cada territorio, como garante dun desenvolvemento sostible que poidan desfrutar as futuras xeracións”.
Incidiu en que a cita debaterá, entre outros temas, sobre modelos, iniciativas e políticas para garantir o acceso á vivenda. “O congreso é unha magnífica oportunidade para amosar o que desde Galicia se está a planificar, proxectar e desenvolver en materia de vivenda, infraestruturas e urbanismo, por parte de todos os axentes implicados -sinalou-. Pero tamén será para nós un exercicio de escoita. Queremos aproveitar, como xa estamos a facer con reunións, contactos, e outros foros locais, para escoitar aos expertos e tamén coñecer as boas prácticas que se están a desenvolver noutros lugares”.
Bloques temáticos
A cidade de Santiago sucederá a outras sedes como Valencia, Málaga, Pamplona, Madrid ou Xixón, onde se celebrou a última edición deste congreso, no 2023. O simposio terá catro eixos temáticos. Dunha banda, abordaranse os novos retos da planificación territorial, mentres que o segundo bloque versará sobre a vivenda e as necesidades sociais, as cidades coidadoras e inclusivas.
Ademais, outro dos bloques amosará fórmulas propostas polos expertos para a adaptación territorial ante os riscos presentes e futuros e o cuarto eixo afondará na intelixencia territorial, concretada como xestión efectiva, transparente e participativa.