Belén do Campo supervisa a execución da obra do edificio na rúa Tulipanes 15 na que a Xunta investiu case 130.000€
A delegada informou da aprobación, no Consello da Xunta, da declaración do Barrio das Flores como zona ARI (Área de Rehabilitación Integral) que permitirá que esta zona teña a posibilidade de acceder a fondos públicos tanto para as vivendas como para o seu entorno urbano
- Compartir
A Coruña, 6 de maio de 2025
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitou, o Barrio das Flores para comprobar o resultado das obras levadas a cabo no edificio ubicado na rúa Tulipanes, Nº 15 – Bloque 38, nas que a Xunta investiu case 130.000 euros.
A actuación, que rematará nas vindeiras semanas, consistiu na reparación da terraza comunitaria coa demolición das capas de pavimento superpostas, para posteriormente incorporar unha nova capa de impermeabilización con acabado con baldosa cerámica, similar á existente, respectando a solución constructiva orixinal do arquitecto José Antonio Corrales. A representante do Goberno autonómico explicou que as obras tiveron certa complexidade por tratarse dun edificio catalogado polo que foi preciso manter e conservar a solución constructiva orixinal do arquitecto para este complexo de vivendas.
“Con esta intervención, apuntou a delegada, dáse solución de maneira definitiva aos problemas existentes no interior das vivendas, respectando a solución constructiva orixinal e a protección do inmoble”. Unha vez finalizada a intervención na terraza de uso comunitario e restituídos os sistemas de impermeabilización, procederase a actuación nas vivendas do terceiro andar afectadas polas filtracións.
O conxunto de vivendas da Unidade Veciñal nº 3 do Barrio das Flores no que se ubica este edificio forma parte do Patrimonio Arquitectónico da cidade da Coruña, estando considerado un monumento de Arquitectura Moderna recoñecido internacionalmente, amplamente estudiado e catalogado. Está incluído no rexistro de obras do Programa de Documentación e Conservación da Arquitectura e o Urbanismo Moderno. O inmoble conta co nivel de protección II, aplicado pola vixente PXOM, e foi Premio Nacional de Arquitectura, como exemplo de estilo do Movemento Moderno.
Declaración zona ARI
Durante a visita a delegada tamén informou que, o pasado 4 de maio, o Consello da Xunta de Galicia aprobou oficialmente a declaración do Barrio das Flores como Área de Rehabilitación Integral (ARI). Esta decisión permitirá impulsar a rehabilitación de preto de 2.000 vivendas e mellorar os espazos públicos desta zona.
A representante do Goberno autonómico destacou que “esta declaración facilitará a chegada de fondos para actuacións de mellora tanto nas vivendas como no entorno urbano, co obxectivo de revitalizar o barrio e mellorar a calidade de vida da veciñanza”.
A superficie total do ámbito é de 16 hectáreas e se atopa situado aproximadamente a 300 metros ao leste da Avenida de Alfonso Molina, e todo o seu perímetro está delimitado por dúas importantes vías de tráfico rodado: a avenida de Monelos ao nordés e a rolda de Camilo José Cela ao noroeste e sur.
No ámbito da área de rehabilitación, no que residen un total 3.882 habitantes, contabilízanse 58 edificios dos cales 42 son de uso residencial, 7 de uso exclusivamente terciario e 9 de equipamentos. En total suman as 1.934 vivendas.
Esta declaración permitirá acceder aos repartos de fondos que se poidan realizar no futuro con cargo a plans autonómicos ou estatais destinados a estas actuacións, polo que os particulares poderán acceder a estas axudas, que xestionan os concellos a través da oficina de rehabilitación, onde poderán obter o asesoramento oportuno.
A xestión da ARI é competencia do Concello. Coincidente co ámbito desta nova ARI existe un entorno residencial de rehabilitación programado (ERRP) declarado en 2022 para acceder ás axudas do programa de Barrios financiado con fondos europeos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
Neste senso, a delegada lembrou que ao Concello da Coruña correspondéronlle 2.573.283,54 euros para axudas destinadas á mellora da eficiencia enerxética das vivendas e edificios do barrio das Flores, polo que o Concello debe proceder á súa convocatoria, xa que o prazo para ter rematadas as obras é o 30 de xuño do 2026. A partir de agora, sinalou, teñen os instrumentos para conseguir revitalizar este barrio, agora toca traballar para que cheguen as axudas e se se executen os proxectos.
Neste caso, o barrio das Flores é a undécima área de rehabilitación que se declara neste municipio, sumándose ás xa declaradas na cidade, nos ámbitos de Cidade Vella e Pescadería, rúa Fernández Latorre, Nosa Señora do Carme, barrio da Sagrada Familia, grupo de vivendas do Birloque, grupo vivendas de Santa Cristina (Palavea), grupo de vivendas dos Mariñeiros, núcleo San Vicente de Elviña, Ventorrillo - Casas de Franco 22 e o grupo de vivendas "María Pita" en Labañou. En Galicia hai aprobadas 78 áreas de rehabilitación declaradas en 46 concellos e na provincia hai 27 ARIS en 12 concellos.