A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera Ocampo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, supervisou hoxe as obras no barrio pontevedrés
A Xunta iniciará este mes de maio o procedemento do sorteo das 74 vivendas públicas en construción en Valdecorvos, en Pontevedra
A titular de Vivenda e Infraestruturas anunciou que os novos fogares estarán listos a principios do 2026 e que un 50 % estarán destinados a alugueiro accesible para menores de 36 anos
O Goberno galego xa ten 182 vivendas públicas en marcha neste barrio pontevedrés
Allegue destacou que estas actuacións son a mostra “do compromiso do Goberno galego coa vivenda e con Pontevedra”
- Compartir
Pontevedra, 2 de maio de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera Ocampo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, visitou as obras das 74 vivendas públicas que está a construír a Xunta no barrio de Valdecorvos, en Pontevedra.
Aínda que a finalización das obras prevese para o 2026, a conselleira anunciou que este mesmo mes se iniciará o procedemento para o sorteo destas vivendas entre as persoas demandantes inscritas no rexistro. O investimento ascende a 14,2 M€, dos que un 25 % son fondos europeos. As 74 vivendas sitúanse no Polígono B1 e un 50 % delas serán para alugueiro accesible para menores de 36 anos.
Allegue subliñou a calidade e o deseño destas futuras vivendas e remarcou que a obra é a mostra do “compromiso da Xunta coa vivenda e, por suposto, con Pontevedra”.
Engadiu que os inmobles en marcha “son parte do esforzo” que a Xunta está a realizar en Valdecorvos. Así estanse a redactar os proxecto para outros inmobles de 56 e 48 vivendas e sumaranse outras 4 máis a través da conversión de baixos a vivendas. En total, son 182 as novas vivendas públicas en execución.
Por outra banda, a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas indicou que nos vindeiros días se adxudicará a redacción do Proxecto de Interese Autonómico para desenvolver solo no ámbito de San Amaro para 2.040 vivendas, no marco da Estratexia Galego do Solo Residencial.
Ademais, a Xunta iniciará os trámites para promover a construción de vivenda noutras tres parcelas en Pontevedra unha vez se formalice a súa cesión por parte do Concello.