A Xunta inicia o procedemento para a adxudicación de 2 vivendas en alugueiro accesible para menores de 36 anos no barrio histórico de Betanzos
A Comisión Provincial de Vivenda da Coruña deu conta do sorteo público que se celebrará o 16 de maio entre os demandantes inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia
Os inmobles que albergan os novos fogares, foron rehabilitados ao abeiro do Programa Rexurbe da Xunta, cunha inversión de preto de 700.000 euros, dos que 100.000€ son fondos europeos
- Compartir
Santiago de Compostela, 1 de maio de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), vén de iniciar o procedemento para a adxudicación de dúas vivendas de promoción pública (VPP) en alugueiro accesible para menores de 36 anos no municipio de Betanzos.
Así o acordou a Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, que deu conta do sorteo público que se celebrará o próximo 16 de maio entre os demandantes inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, para o concello de Betanzos como concello preferente, na data na que se publique no Diario Oficial de Galicia o inicio do procedemento. A adxudicación farase en réxime de alugueiro para menores de 36 anos, cuns ingresos ponderados por unidade familiar entre 1 e 3,5 veces o IPREM.
Os inmobles que albergan as dúas vivendas están situados na rúa do Alfolí 6 e a rúa Pinche 9, no barrio histórico de Betanzos, e foron rehabilitados ao abeiro do Programa Rexurbe. A Xunta fixo un investimento de preto de 700.000€ nestes edificios, dos que 100.000€ son fondos europeos.
Unha vez realizado o sorteo, a lista provisional de adxudicatarios publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello e do IGVS así como na páxina web deste organismo. Así mesmo, a continuación abrirase un prazo de 10 días para a presentación de posibles reclamacións.