A Xunta adxudica por 16,3 M€ as obras da execución do treito da autovía Tui-A Guarda entre o enlace de Areas e a PO-350
Trátase do treito entre o enlace do polígono de Areas en Tui e a estrada PO-350 xa en Tomiño, cunha lonxitude de case 4 quilómetros
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé o inicio das obras para finais de xuño e terán un prazo de 24 meses
Esta infraestrutura é estratéxica para a zona do Baixo Miño, facilitando desprazamentos seguros e eficientes para vehículos lixeiros e para transporte
- Compartir
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou por un importe de 16.327.654 euros as obras para executar o novo treito da autovía Tui-A Guarda, que conectará o enlace de Areas coa PO-350.
Este contrato, adxudicado á UTE Construcciones y Obras Taboada Ramos, S.L.U.- Construcciones Obras y Viales SA (COVSA), asinarase nas vindeiras semanas e co obxectivo de iniciar as obras a finais de xuño. O prazo de execución destas obras estímase en 24 meses.
O citado treito unirá o enlace do polígono de Areas en Tui coa estrada autonómica PO-350, xa en Tomiño, cunha lonxitude de case 4 quilómetros.
O tramo contará con dúas calzadas separadas por sentidos de circulación cunha mediana de 2 metros. Cada unha das calzadas terá dous carrís de 3,5 metros de ancho, e disporá de amplas beiravías tanto exterior coma interior.
Trátase dun proxecto que prevé duplicar o paso inferior de acceso ao polígono de Areas.
Ampliarase unha ponte de pedra na PO-350, moi próxima ao enlace da autovía, que a día de hoxe non permite que se crucen dous vehículos pesados. Deste xeito poderá absorber máis facilmente o tráfico.
O Goberno galego continúa avanzando para concluír esta infraestrutura estratéxica para mellorar a mobilidade no Baixo Miño, facilitando uns desprazamentos seguros e eficientes tanto para vehículos lixeiros como para transportistas.
A materialización desta autovía implicará un investimento global de 188M€, incluíndo os treitos xa en servizo, e forma parte do plan da Xunta para seguir ampliando as vías de altas prestacións libres de peaxe en Galicia. Desde 2009, construíronse 220 quilómetros novos deste tipo de vías, o que representa un incremento do 70%.