A Xunta licita por máis de 260.000 euros as obras para humanizar o acceso a Fondo de Vila, no concello de Folgoso do Courel
Esta intervención permitirá a construción dunha nova vía para facilitar o acceso aos servizos e dotacións municipais, como o albergue, o edificio de usos múltiples ou o museo
As empresas interesadas teñen ata o 20 de maio para presentar as súas ofertas
Esta intervención, ao abeiro do Plan Hurbe da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, contará cun investimento global de máis de 300.000€, dos que a Xunta achegará o 70% e o Concello o 30% restante
- Compartir
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou hoxe por 263.331 euros a execución das obras para a humanización do acceso a Fondo de Vila, no concello de Folgoso do Courel.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación, establecendo un prazo de presentación de ofertas que finalizará o vindeiro 20 de maio. As obras terán un prazo de execución de 10 meses.
Os traballos obxecto deste contrato consistirán na habilitación da vía V1 proposta no Plan xeral de ordenación urbana municipal (PXOM), para ampliar o acceso aos servizos e dotacións municipais, como son o albergue, o edificio de usos múltiples ou o museo.
Coa finalidade de humanizar o acceso a Fondo de Vila, a través desta intervención proponse construír unha calzada única sostida en parte sobre un muro de contención, unha coieira coroada con varandas de madeira, buscando a harmonía co territorio.
As obras suporán un investimento total de máis de 300.000 euros e enmárcanse nun convenio de colaboración ao abeiro do Plan Hurbe, co que a Xunta colabora coas administracións locais para financiar intervencións de mellora contornas urbanas e accesibilidade. Baixo este acordo, a Xunta asumirá o 70% do orzamento desta intervención, e o Concello de Folgoso do Courel achegará o 30% restante.