A Xunta licita a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 75 vivendas en Navia, Vigo
O Goberno galego financia con fondos propios a licitación da redacción do proxecto e de dirección de obra para a construción destas 75 novas vivendas, ás que destinará un investimento que rolda os 680.000 euros
Neste ámbito da cidade están en marcha 910 vivendas públicas en distintas fases de execución, incluíndose os 80 aloxamentos compartidos e temporais para menores de 36 anos
- Compartir
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2025
A Xunta, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), vén de publicar a licitación dun novo contrato para a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 75 vivendas de promoción pública (VPP) no barrio de Navia, no concello de Vigo.
A licitación deste contrato, financiado integramente con fondos propios da Xunta, rolda os 680.000 euros, e inclúe os servizos de redacción do proxecto básico e de dirección de obra para a construción destas 75 VPP, garaxes, rochos e locais en dúas parcelas de San Paio de Navia. En concreto, as dúas novas edificacións, que albergarán 18 e 57 vivendas, estarán situadas na parcela MIIIB3, que conta cunha superficie de 1.080 metros cadrados, e na MIIIB4, que ten unha superficie de 1.906 m2.
Neste barrio de Vigo xa están en marcha 910 vivendas públicas en distintas fases de execución, incluíndose os 80 aloxamentos compartidos e temporais para menores de 36 anos. O Goberno galego mantén o ritmo de traballo para duplicar o parque público de vivenda en Galicia nesta lexislatura, ata chegar ás 8.000, tendo neste momento xa en marcha máis de 2.000 vivendas en distintas fases de tramitación e execución.