Ana Ortiz visita as parcelas de Navia nas que a Xunta construirá outras 75 vivendas de promoción pública
A delegada territorial da Xunta en Vigo destacou que xa están en marcha 835 vivendas públicas en distintas fases de execución, incluíndose os 80 aloxamentos compartidos para menores de 36 anos
- Compartir
Vigo, 11 de abril de 2025
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este venres as parcelas do Polígono 2 do Plan Parcial de San Paio de Navia nas que o Goberno construirá outras 75 vivendas de promoción pública (VPP). A licitación do contrato para a redacción do proxecto, financiado integramente con fondos propios da Xunta, rolda os 680.000 euros, e inclúe os servizos de execución e dirección de obra para a construción destas VPP, garaxes, rochos e locais en dúas parcelas situadas na confluencias das rúas Ufas e Teixugueiras.
En concreto, as novas edificación estarán situadas na parcela MIIIB3, que conta cunha superficie de 1.080 metros cadrados, e na MIIIB4, que ten unha superficie de 1.906 m2. A Xunta, neste caso a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) licitará nas vindeiras semanas este contrato, que conta cun prazo estimado de execución de 36 meses, unha vez autorizada hoxe polo Executivo autonómico.
O Goberno galego mantén o ritmo de traballo no desenvolvemento da construción de vivenda de promoción pública nas grandes cidades e a súa área de influencia, sendo Navia o exemplo do traballo que se está a facer nesta materia. Neste ámbito da cidade están en marcha 835 vivendas públicas en distintas fases de execución, incluíndose os 80 aloxamentos compartidos para menores de 36 anos. A estas vivendas en Navia compre sumar as que se poidan construír a través da Estratexia de solo residencial da Xunta nos ámbitos que se desenvolverán en Vigo.
Dunha banda, o ámbito do Ofimático que permitirá o desenvolvemento do solo para a construción de 2.300 vivendas. E da outra banda, o ámbito que se desenvolverá en Cantabria-Ramón Nieto-Santa Cristina, de 13,9 hectáreas, elixido en consenso co Concello de Vigo, onde se desenvolverá solo onde se poderán construír outras 1.392 vivendas. A licitación do servizo de redacción do Proxecto de Interese Autonómico acordouse no Consello da Xunta da pasada semana.
O Goberno galego mantén o ritmo de traballo para duplicar o parque público de vivenda en Galicia nesta lexislatura, ata chegar ás 8.000, tendo neste momento xa en marcha máis de 2.000 vivendas en distintas fases de tramitación e execución.