Agustín Reguera visita un edificio de Pontevedra que instalou un elevador grazas a unha axuda de 135.000 € da Xunta
O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta coa creación de novas vivendas públicas e co fomento da modernización e mantemento das xa existentes
O prazo para presentar as solicitudes da nova convocatoria deste Programa de mellora de accesibilidade nas vivendas remata o día 28 de abril
- Compartir
Pontevedra, 11 de abril de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado das obras de instalación dun elevador que se levaron a cabo no edificio CP Oriente, en Pontevedra, grazas ás axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas.
Reguera comprobou os resultados destes traballos, que foron posibles grazas a unha axuda de máis de 135.000 euros da que se beneficiaron ata 29 familias. Neste sentido, varios responsables da comunidade de veciños destacaron a importancia desta axuda que supuxo unha motivación extra para dar o paso de investir nun edificio máis accesible.
Pola súa banda, o delegado territorial lembrou que “a Xunta de Galicia está comprometida, non só coa creación de novas vivendas, senón tamén coa modernización e mantemento das xa existentes”.
Cabe destacar que o prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas deste ano 2025 remata o día 28 de abril. Esta convocatoria conta cun orzamento total de preto de 5,3 millóns de euros.