A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, informou do concurso de parcelas que está a impulsar o Goberno galego en O Bertón, Ferrol, e en Navia, Vigo
A conselleira M. Allegue anima a promotores e cooperativistas a presentar as súas ofertas para o concurso de parcelas de Ferrol e de Vigo
M. Allegue participou nun encontro que reuniu en Santiago, na sede do Instituto Galego da Vivenda e Solo, a unha trintena de promotores e cooperativistas galegos
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas subliña que as condicións son moi interesantes para ambos concursos, con “prezos case simbólicos”
O prazo para presentar ofertas é ata o 11 de agosto no caso do concurso en Ferrol e ata o 30 de xuño para o de Vigo, no barrio de Navia
A conselleira puxo en valor este tipo de “espazos de diálogo para a cooperación entre as administracións e o sector”
- Compartir
Santiago, 10 de abril de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, mantivo hoxe un encontro cunha trintena de promotores e cooperativistas na sede do Instituto Galego da Vivenda e Solo, en Santiago de Compostela. A conselleira deu conta da publicación do concurso de 2 parcelas en O Bertón, Ferrol, para 48 vivendas protexidas e recordou que tamén está aberto o prazo para presentar ofertas para o concurso de parcelas de Navia, en Vigo, para 153 fogares.
Allegue agradeceu a asistencia á cita, “xerando de espazos de diálogo para a cooperación entre as administracións e o sector”, e invitou aos asistentes a participar coas súas ofertas ata o 11 de agosto no caso do concurso en Ferrol e ata o 30 de xuño para o de Vigo, no barrio de Navia.
M. Allegue indicou que os solos dos concursos deberán ser destinados á construción de vivenda protexida destinada a alugueiro ou a compravenda. Terán preferencia as ofertas destinadas á construción en alugueiro e a adxudicación en dereito de superficie, así como as vivendas que vaian a ter un prezo de renda ou venda máis reducido (réxime especial). A conselleira fixo fincapé nas condicións dos concursos e explicou que, en ambos, no caso de compravenda, suporá unha repercusión de 4.000€ por vivenda para réxime xeral. No caso do canon do dereito de superficie, cunha concesión de 75 anos, o prezo é simbólico, 4€ ao ano por vivenda en réxime xeral. Prezos, remarcou, “case simbólicos”.