A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, inaugurou a segunda xornada do congreso de Agalin en Compostela
Allegue destaca as medidas da Xunta para incrementar o parque residencial galego e aumentar a seguridade xurídica aos propietarios no VI Congreso Inmobiliario de Galicia
Allegue subliñou a importancia dos espazos para “a reflexión, a colaboración e a posta en común de solucións e ideas para enfrontar os retos do mercado”
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou as políticas da Xunta de cara a facilitar o acceso á vivenda e aumentar o parque residencial galego
A conselleira salientou as medidas do Goberno galego para garantir a seguridade xurídica aos propietarios e mobilizar vivendas baleiras a prezo accesible, co que poden acadar axudas de ata 8.000 euros para reformas e un seguro de impago e multirisco de fogar gratuítos
Subliñou que a Xunta está a poñer en marcha diferentes actuacións para incentivar os sector da construción e apostando por liñas de traballo innovadoras como os aloxamentos compartidos e temporais para a mocidade ou o emprego de técnicas industrializadas na construción de vivendas
- Compartir
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue abriu a segunda xornada do VI Congreso Inmobiliario de Galicia, organizado pola Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalin), que se está a celebrar en Santiago de Compostela. O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, tamén participou nunha mesa redonda dedicada á actualidade en Galicia neste eido, xunto con outros representantes do sector. A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou a importancia de espazos como o congreso de Agalin, “fundamentais para a reflexión, para a colaboración e para a posta en común de solucións e ideas innovadoras”.
Allegue puxo en valor as actuacións da Xunta para, por unha banda, facilitar o acceso á vivenda á cidadanía galega, “construíndo, rehabilitando e desenvolvendo solo” e por outra banda, proporcionar seguridade xurídica aos propietarios de cara a que poñan as súas vivendas en alugueiro no mercado.
Para dinamizar o sector da construción de cara a aumentar o parque público residencial galego, a conselleira remarcou a creación da Sociedade Galega da Vivenda, Vipugal, dentro do reto de construír 4.000 fogares de promoción pública ata o 2028, dos que 2.350 serán a través desta entidade, os programas de rehabilitación que ten en marcha a Xunta ou os Proxectos de Interese Autonómico que permitirán habilitar solo para a construción de 25.000 vivendas en toda Galicia.
A conselleira insistiu no desacordo da Xunta coa Lei estatal de vivenda e indicou que “é unha norma claramente lesiva e contraproducente para o mercado, que ataca directamente o dereito á propiedade e invade as competencias autonómicas, apostando por un modelo intervencionista do mercado de alugueiro que xa se demostrou ineficaz noutros países”.
Así, destacou que para aumentar a seguridade xurídica de cara aos pequenos propietarios, por unha banda, o Goberno galego ten abertos programas para mobilizar vivendas baleiras a prezo accesible, co que poden acadar axudas de ata 8.000 euros para reformas e un seguro de impago e multirisco de fogar gratuítos. Ademais, a Xunta acaba de renovar o convenio co Consello da Avogacía Galega para poñer a disposición da cidadanía asesoramento e orientación, de forma gratuíta, aos propietarios ou usufrutuarios que se vexan afectados por intrusións non consentida en vivendas, entre outros moitos temas.
Allegue, ademais, alentou aos asistentes a apoiarse na innovación para superar os grandes retos aos que se enfronta o mercado. Salientou que, dende a Xunta, “se están facendo os deberes” e xa se activaron medidas para desburocratizar, acelerar trámites e incentivar aos promotores para impulsar a construción en Galicia. Por outra banda, expuxo que se están a poñer en marcha iniciativas pioneiras como os aloxamentos compartidos e temporais para menores de 36 anos, xa en execución en Santiago e en Vigo, as modificacións normativas para a conversión de baixos a vivendas ou a aposta polas técnicas industrializadas para acelerar os tempos nas obras.