A Xunta inicia o procedemento para a adxudicación de 5 vivendas en alugueiro accesible para menores de 36 anos no conxunto histórico de Ferrol
Os inmobles foron rehabilitados ao abeiro do Programa Rexurbe da Xunta, cunha inversión de 1,8 M€
A Xunta reservará dúas das vivendas, adaptadas, a persoas con mobilidade reducida
- Compartir
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025
A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), vén de iniciar o procedemento para a adxudicación dun total de 5 vivendas de promoción pública (VPP) en alugueiro accesible no Concello de Ferrol. Así consta na resolución da Comisión Provincial de Vivenda que publica hoxe o DOG e pola cal se acorda o inicio do proceso de selección dos adxudicatarios. Os inmobles, rehabilitados ao abeiro do Programa Rexurbe cunha inversión de 1,8 M€, están situados na rúa Carme Curuxeiras 8 e Carme Curuxeiras 24, no barrio Ferrol Vello. Dous fogares contan con 2 dormitorios e 3, con 3 dormitorios, e as superficies van dos 67 metros cadrados aos 88,5 metros cadrados. Dúas das vivendas están adaptadas a persoas con mobilidade reducida, polo que se reservarán para este colectivo.
As vivendas serán adxudicadas mediante sorteo público que se celebrará o próximo 10 de abril entre os demandantes ferroláns que estaban inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia na data de inicio do procedemento. A adxudicación farase en réxime de alugueiro e os contratos terán unha duración inicial de sete anos.
Unha vez realizado o sorteo, a lista provisional de adxudicatarios publicaranse nos taboleiros de anuncios do concello e do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) así como na páxina web deste organismo. Así mesmo, a continuación abrirase un prazo de 10 días para a presentación de posibles reclamacións.